Xornalistas Galegas arrinca con "optimismo" e cunha advertencia: "O xornalismo será feminista ou non será"

A asociación presentouse esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2018 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

A asociación Xornalistas Galegas presentouse esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago ante preto dun cento de asistentes, entre elas xornalistas e sociólogas, que mostraron "optimismo", deron a coñecer os seus obxectivos e liñas de traballo e lanzaron unha mensaxe clara: "O xornalismo será feminista ou non será".

Presentación de Xornalistas Galegas
Presentación de Xornalistas Galegas | Fonte: Europa Press

No acto, celebrado no Salón de Actos do centro de estudos santiagués, déronse cita estudantes, xornalistas de todos os ámbitos, sociólogas, profesionais da comunidade universitaria, representantes políticos e referentes do mundo cultural, entre outras persoas.

Ao longo da mañá proxectáronse vídeos, repetiuse a idea de que se trata dun "momento histórico" para o feminismo e fíxose unha chamada para "traballar xuntas" para lograr un xornalismo "plural e feminista". Ademais, as integrantes avogaron por loitar contra un modelo de medios que reproduce "a desigualdade, a subordinación, a precarización e a feminización da pobreza".

Durante o acto, diferentes mulleres que forman parte de Xornalistas Galegas foron intervindo como fío condutor, para explicar en que liñas están a traballar actualmente e a súa evolución desde a súa constitución como consecuencia das mobilizacións do 8 de marzo. A catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC, Margarita Ledo Andión, e a profesora de Socioloxía de Xénero e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC son as madriñas.

"UN DÍA IMPORTANTE"

As participantes non puideron ocultar os nervios e a emoción en varios momentos das súas alocucións, tendo en conta que se trata "dun día moi importante" e unha "data histórica".

Sobre as orixes de Xornalistas Galegas, situáronos ao redor do sucedido o 8 de marzo, coa primeira folga xeral feminista da historia de España. "A realidade desbordou as previsións", comentaron, antes de insistir en que "as xornalistas" teñen "un papel importante neste camiño".

Neste sentido, aínda que son conscientes de que aínda queda camiño por percorrer, felicitáronse polos avances logrados nos últimos meses e aseguraron que "é posible lograr un xornalismo feminista". "Imos seguir traballando para que así sexa", apostilaron.

Nun dos vídeos que se proxectaron debulláronse algúns dos detalles do 'Manifesto por un xornalismo feminista', no que participaron profesionais de diferentes medios e ámbitos. As ideas viran ao redor da necesidade de visibilizar a muller, conseguir unhas mellores condicións de traballo, denunciar o machismo ou acabar co teito de cristal.

PAPEL DOS MEDIOS

A primeira das dúas madriñas en tomar a palabra foi a catedrática, escritora e cineasta Margarita Ledo, a primeira muller en gañar o premio Otero Pedrayo. Durante a súa intervención, Ledo fixo un breve repaso dalgúns dos fitos históricos do feminismo.

A profesora da USC comezou explicando como na década de 1970 lle dicían que "unha muller non cadra nos medios de comunicación", e ironizou e sobre a xerarquización das empresas informativas.

Ademais, lanzou unha mensaxe ás asistentes: "Sodes a proba do paso do silencio histórico á situación actual". E é que, tal e como lembrou Ledo, "até hai pouco non se admitía publicamente que se era feminista". Isto, ao seu parecer, tamén é "un avance importante", porque serve para romper "outro teito de cristal".

A catedrática arrincou os aplausos do auditorio despois de dedicar a súa intervención "ás compañeiras da CRTVG pola súa longa loita por uns medios libres e de calidade, contra a banalización da información, contra a censura e o acoso".

Acto seguido tomou a palabra a teórica feminista Rosa Cobo, que expresou o seu "agradecemento" a Xornalistas Galegas por facela partícipe dun "momento histórico".

Cobo sinalou a "difícil relación entre mulleres e medios" e denunciou unha "desvantaxe social" que se materializa en "subordinación, marxinación e opresión". "A desigualdade non é algo opinable", advertiu a profesora da UDC, que lembrou que hai datos que evidencian esta situación.

Ademais, puxo o foco nas causas, porque asegurou que os efectos "son visibles e percibidos por todos". Neste sentido, sinalou "ao patriarcado", aos "armazóns que provocan esta realidade".

Rosa Cobo fixo un chamamento ás xornalistas porque "os medios son un poderosísimo axente socializador", e alertou do perigo que poden ter ao ser "xeradores de significado e de opinión pública".

Aínda que celebrou a existencia de medios que "nacen cunha postura crítica", lamentou que a maioría non se desmarquen do "sistema patriarcal" porque "non o conceptualizan, non o identifican ou non o ven".

En canto ás solucións, puxo enriba da mesa a necesidade do traballo conxunto da sociedade civil e da acción política, así como unha educación e formación feminista, "que permita desactivar a relación de poder, desigualdade e estereotipos que se crean desde a infancia".

OBXECTIVOS

Despois das intervencións das dúas madriñas, déronse a coñecer os obxectivos e as liñas de traballo de Xornalistas Galegas. Centráronse en tres puntos: a creación dunha axenda de expertas, o observatorio feminista de medios e a conexión con outros colectivos territoriais.

Con respecto á creación dunha axenda de expertas, as integrantes denunciaron que, hoxe en día, "as mulleres non están en temas de prestixio" como a política, a economía, a ciencia ou o deporte.

Actualmente, a axenda está en fase de construción, con máis dun cento de expertas, e contan con rematala nos próximos meses para facilitarlla a todos os medios de comunicación. "Sabemos que nas redaccións se traballa co tempo xusto e que por iso se vai ao fácil chamando sempre ás mesmas fontes. Nós imos facilitar estas axendas para que poidan contar cos testemuños de mulleres expertas", detallaron.

Doutra banda, crearon un observatorio feminista de medios, que pretende "detectar e denunciar publicamente o tratamento machista e a representación da muller nos contidos". Ademais, buscan sinalar a desigualdade nas condicións de traballo e a existencia de teitos de cristal nos medios, e advertiron que non lles vai a tremer o pulso: "Imos denunciar estas situacións independentemente do medio, da súa titularidade, propiedade ou soporte".

A través do uso de datos obxectivos, queren "saber que pasa" coas mulleres xornalistas, "en que condicións" desenvolven o seu traballo e anunciaron a intención de ter listo o primeiro informe para o 8 de marzo de 2019.

Por último, falaron sobre as conexións con outros colectivos territoriais e rememoraron a reunión do 2 de xuño con xornalistas de todo o país, nun acto da plataforma 'As Xornalistas Paramos'. "Custa non emocionarse lembrando o que vivimos aqueles días", lembraron, porque "serviu para crer que é posible". A finais de ano, en Madrid, está prevista a celebración dun novo encontro entre colectivos.

Finalmente, tamén se proxectou un vídeo no que apareceron rostros coñecidos do ámbito do cinema, do teatro, da música e do xornalismo, entre outros. Así, membros de Chévere, da Banda da Loba ou a cantante Mercedes Peón, a alpinista Chus Lago, o escritor Suso de Toro, o actor Javier Rey ou a regatista Tamara Echegoyen, entre outros, expresaron o seu apoio a Xornalistas Galegas e compartiron a necesidade de conseguir un xornalismo "plural e feminista".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta