O investigador privado que seguiu aos 'Miguelianos' afirma que eran un "grupo sectario"

Apuntou tamén que se realizaba unha "despersonalización" dos membros. A nai de tres 'Miguelianas' sostén que Rosendo "anulou" ás súas fillas.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 12/11/2018 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

O investigador privado que elaborou un informe sobre a Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo testificou este luns que as súas conclusións recollen que se trataba dun "grupo sectario" porque, ao seu criterio, coincide coas actitudes "destrutivas" e as "accións cohercitivas e limitativas" que recoñece pola súa experiencia investigando a "decenas de grupos sectarios".

Miguel Rosendo accedendo á Audiencia Provincial de Pontevedra.
Miguel Rosendo accedendo á Audiencia Provincial de Pontevedra. | Fonte: Europa Press

Na vixésima sesión do xuízo coñecido como dos 'Miguelianos' A.G.F., que manifestou contar con "35 anos de experiencia profesional", relatou que un dos pais que pertencen á acusación particular encargoulle un informe "sobre os inicios do que derivou no grupo San Miguel e despois na asociación pública de fieis". O investigador aseverou que tivo noticia de que se producían "hábitos sectarios", "ritos de iniciación" e unha "despersonalización" dos membros.

Sobre as entrevistas que realizou e os cuestionarios que repartiu sostivo que Miguel Rosendo, líder dos 'Miguelianos', "determinaba as actividades e accións de todo tipo dos membros do grupo". "Non houbo infiltración" na Orde, apuntou. Entre outras razóns, porque "para chegar ao círculo do líder necesitábase un tempo" do que non dispuñan e porque a "asociación como tal, co control de Miguel, xa non existía" cando recibiu o encargo.

"Respecto, submisión, medo", así trasladou o investigador que se expresaron os testemuños que solicitou sobre como sentían dentro da Orde. Así mesmo, afirmou que o grupo tiña un "ideario cambiante" e que "sempre estaban pendentes da posibilidade do castigo ou a penitencia" por parte de Rosendo; sendo sempre "sinalado" o "disidente", que sufría un "illamento" do grupo.

AVAL DA IGREXA

Por outra banda, o investigador privado destacou que "os crentes" podían "entender" que "todas as actividades" da Orde "estaban avaladas pola Igrexa católica" xa que "na súa páxina web" aparecen "o bispo" da diocese Tui-Vigo e varios sacerdotes.

A.G.F. expuxo que varios testemuños lle "verbalizan" que sufriron "abusos" pero que "non o poñen de manifesto por escrito", polo que non o recolle no seu informe. Á súa vez, explicou que lle falaron de "prácticas sexuais individuais e en grupo" vinculadas ao "engano, submisión e sometemento" para conseguilas, así como a un estado de "debilidade emocional" de quen as sofre. Este informe, sobre o que se ratificou, foi entregado á Policía Xudicial xunto coa documentación que obtivo a maiores. Nel tamén recolle que Rosendo practicaba "exorcismos" e que se "autoidentificaba con Deus", ao que "só el podía interpretar".

"NENAS ANULADAS"

Este luns tamén declarou na Audiencia Provincial de Pontevedra a nai de tres 'Miguelianas': I.L.S., acusada nesta causa; M.L.S., casada co fillo de Rosendo; e A.L.S., que declarou ser vítima de presuntos abusos sexuais por parte do líder da Orde. Esta muller, M.C.S.D., tamén pertenceu ao grupo xunto co seu marido e chegou a residir nas vivendas lindeiras a 'Casa Nai' no municipio pontevedrés de Mougás.

M.C.S.D. sostivo que as súas fillas son "nenas anuladas". "Estaban sumamente pegadas a el. Se a miña cabeza estaba posuída por el, as miñas fillas estábano máis", aseverou a preguntas da defensa, para engadir que "non se cuestionaba absolutamente nada" mentres permaneceu dentro da Orde e que "ninguén o facía".

No seu testifical relatou que deixou o seu traballo para "obedecer" a Rosendo, vendeu o seu piso para irse a vivir ao seu lado, entregoulle diferentes sumas de diñeiro --reclámanlle 23.000 euros segundo manifestoulle á defensa-- e que chegou a entregarlle tamén "xoias". "Como tiñamos voto de pobreza díxonos que tiñamos que entregar todo o ouro", sinalou.

A exMigueliana declarou que padeceu "insultos", "humillacións" e "vexacións" por parte do líder da Orde, do mesmo xeito que viu como insultaba ao seu marido, pero que ante situacións como esa "encóllesche e choras, non podes facer outra cousa". Ademais, afirmou que Rosendo "era voluble", "non tiña estabilidade emocional ningunha" e facía que sentise que non valía para nada. "A min non me podía ver, eu chegueille a preguntar se é que eu era o demo", manifestou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta