Temas: FRASEOLOXíA

“É o que perdes”, expresión enxebre e, polo tanto, máis tradicional ca “ti o perdes”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 18/11/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cantas e cantas veces non teremos escoitado expresións do tipo “ti o perdes”, “el/ela o perde”, etc. para dar conta dun sentimento de indiferenza, desaprobación, reprobación, desconsideración, desdén... ante unha postura de rexeitamento ou de renuncia que outra persoa adopta con respecto a algo.

Cata de viños
Cata de viños

Non obstante, e malia non seren este tipo de expresións alleas ao sistema lingüístico galego, si que é probable que constitúan secuencias de novo cuño adoptadas a partir da castelá “tú te lo pierdes”, “él/ella se lo pierde”, etc., na medida en que a cadea secuencial expresiva máis propia, tradicional e enxebre da nosa lingua segue outra liña de construción, como agora imos ver:

Él/Ella se lo pierde [yo me lo pierdo & tú te lo pierdes & ...]

{= Expresión coa que alguén manifesta indiferenza, desaprobación, reprobación, desconsideración, desdén... fronte a unha postura de rexeitamento ou de renuncia doutra persoa con respecto a algo, dando a entender que na súa opinión non debería exercer tal rexeitamento ou renuncia.}

É o que perde [é o que perdo & é o que perdes & ...]

[Tamén, como probable calco do castelán]:

El/Ela o perde [eu o perdo & ti o perdes & ...]

Ex.: ¿Que no quiere venir con nosotros al cine? Pues él se lo pierde.

Que non quere vir connosco ó cine? Pois é o que perde.

Ex.: —Que no insistáis, que no me interesa nada de lo que ese tío pueda decir en la conferencia. —Pues nada, chico: tú te lo pierdes.

—Que non porfiedes, que non me interesa nada do que ese guicho poida dicir na conferencia. —Pois nada, meu: é o que perdes.

● Tamén, asociada a ámbitos de uso máis ben familiares, e só en certos contextos en que se lle ofreceu ao destinatario desta expresión a posibilidade de facer algo e este dubidou en aceptala ou directamente a rexeitou:

Se queres, queres, e se non, polo mundo non faltan mulleres

Ex.: —Que non porfiedes, que non me interesa nada do que ese guicho poida dicir na conferencia. —Pois nada, meu: se queres, queres, e se non, polo mundo non faltan mulleres.

Ex.: Si no vienes, tú te lo pierdes.

Se non vés, é o que perdes.

Que non vés? Pois se queres, queres, e se non, polo mundo non faltan mulleres.

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alferga

Que non vés? Para quen non quere teño eu moito