Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 08/12/2024 | Actualizada ás 12:00
Como xa temos indicado nesta sección máis dunha vez, hai certas ocasións en que en galego dispomos de secuencias ou expresións lingüísticas que, por cadraren ó dereito coas correspondentes castelás, lles comen terreo a pasos de xigante a outras que tamén nos son propias –e mesmo, en varios casos, máis tradicionais ou enxebres– e que pouco a pouco van quedando cada vez máis relegadas no seu emprego, sobre todo entre a xente máis nova.
É o que dixemos que ocorría, por exemplo, en casos coma eu de ti vs. (eu) de min a ti; chamarlle/dicirlle... de todo vs. chamarlle/dicirlle de cantas hai; ou ti o perdes vs. é o que perdes, por poñer tres exemplos.
Pois ben: imos, desta volta, engadir un caso máis, conformado polas secuencias, normalmente exclamativas e que forman enunciado de seu, ¡agora si que a fixeches[fixen, fixo, fixeron...]! vs. ¡agora si que a foi!, coas que se resalta que alguén levou a cabo unha acción prexudicial que moi probablemente vai ter consecuencias negativas (en castelán, ¡ahora sí que la has[he, ha, habéis...] hecho buena!).
¡Ahora # Esta vez.. sí que la has [he, ha, habéis...] hecho buena!
{= Secuencias que, formando enunciado de seu, resaltan que alguén levou a cabo, ou acaba de levar a cabo, unha acción prexudicial que moi probablemente vai ter consecuencias negativas.}
¡Agora # Esta vez # Desta volta # Desta feita... si que a foi!
¡Agora # Esta vez # Desta volta # Desta feita... si que foi!
[E MAIS]:
¡Agora # Esta vez # Desta volta # Desta feita... si que a fixeches[fixen, fixo, fixeron...]!
¡Agora # Esta vez # Desta volta # Desta feita... si que a fixeches[fixen, fixo, fixeron...] boa!
¡Agora # Esta vez # Desta volta # Desta feita... si que a fixeches[fixen, fixo, fixeron...] fresca!
[E TAMÉN]:
¡Agora # Esta vez # Desta volta # Desta feita... si que si!
Ex.: [Nun contexto en que unha persoa acaba tirar, sen querer, o café por riba do teclado]:¡Menudo desastre! ¡Ahora sí que la hecho buena! Como venga por aquí la jefa, me cruje.
¡Vaites desfeita! ¡Agora si que a foi ‡ si que foi ‡ si que a fixen ‡ si que a fixen boa ‡ si que a fixen fresca ‡ si que si! Como veña por aquí a xefa, escazólame.
● Tamén:
¡Guarníchela[Guarnina, Guarniuna, Guarnístela...! && ¡Agora # Esta vez # Desta volta # Desta feita... si que a guarniches[guarnín, guarniu, guarnistes]! && [E INDA]: ¡Esta si que a é # si que a foi!
Ex.: ¡Vaites desfeita! ¡Guarnina ‡ Desta feita si que a guarnín ‡ Esta si que a é ‡ Esta si que a foi! Como veña por aquí a xefa, escazólame.
● Mesmo tamén, en contextos:
¡Xa a fixeches, fogueteiro!
Ex.: ¡Vaites desfeita! ¡Xa a fixeches, fogueteiro! Como veña por aquí a xefa, escazólame.
NOTAS:
1. Non está de máis comentar que a secuencia expresiva ¡(d)esta si que (a) foi! [xunto tamén, neste caso, con ¡(d)esta si que (a) é!] ocupa igualmente, en certos contextos, os mesmos espazos de uso ca ¡esta si que é boa! ou ¡esta si que foi boa! (en castelán, ¡esta si que es buena! e ¡esta si que fue buena!) cando expresa sorpresa, desgusto, desaprobación ou incredulidade de sentido negativo ante algo que se acaba de dicir ou que acaba de acontecer. Véxase o seguinte exemplo.
Ex.: ¡Esta si que es buena! ¡Ahora resulta que los que pagan pocos impuestos son los de las clases medias y bajas!
¡Desta si que (a) foi # si que (a) é! ¡Agora resulta que os que pagan poucos impostos son as das clases medias e baixas!
2. A secuencia expresiva ¡guarníchela! está tirada da fonte Palabras con memoria.
Ampliando información acerca do verbo guarnir, cómpre dicir que, segundo esta mesma fonte (que o rexistra en Burela), presenta así mesmo as acepcións de “organizar un evento” (ex.: Temos que guarnir unha cea de vellos compañeiros da escola) e “preparar unha arte de pesca para un barco” (ex.: Onte estivemos guarnindo para o bonito).
3. Con practicamente calquera das expresións reflectidas en galego, e a fin de lle conferir unha maior énfase ou carga negativa á acción e mais ás súas posibles consecuencias, tamén se poden usar a maiores (nun nivel de lingua que tende a se asociar a unha linguaxe máis ben infantil) as expresións interxectivas ¡ai hoxe! ou ¡ai agora!
Así, e por poñer simplemente un exemplo, nun contexto en que un cativo acaba de romper a xanela da súa casa cun balón, un dos seus compañeiros pódelle dicir:
¡Ahora sí que la has hecho buena! ¡Cuando venga tu padre y vea la ventana…!
¡Ai hoxe! ¡Agora si que a foi! ¡Cando veña teu pai e vexa a fiestra…! ‡ ¡Ai agora! ¡Desta volta si que a fixeches! ¡Cando veña teu pai e vexa a fiestra…!
A un nivel moi xeral, e máis ou menos (insistimos no de “máis ou menos”, e se cadra máis ben menos ca máis, dispensando o xogo de palabras), tanto ¡ai hoxe! coma ¡ai agora! se poderían corresponder en certos contextos co que en castelán se expresaría con algo parecido a ¡la que te (me, le, nos…) espera!
4. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.
- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.
- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.