Así é a galeguidade na comarca asturiana do Eo-Navia, unha zona históricamente galegofalante

Manuel Miragaia (A Coruña, 1958), profesor e escritor, autor do libro 'A terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturais', reivindica nesta obra o recoñecemento oficial por parte da comunidade autónoma de Asturias da comarca do Eo-Navia e, á súa vez, a variante lingüística galega, alén dunha normalización fluída e respectuosa das relacións e intercambios culturais entre Galicia e o Eo-Navia, que poden ser moi produtivos e beneficiosos para os dous pobos. Tamén defende nela a necesidade da creación dunha Academia da Lingua Galega do Eo-Navia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/12/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Eo-Navia é unha terra que pertence administrativamente á comunidade autónoma de Asturias, pero que comparte dende hai séculos con Galicia trazos lingüísticos, culturais, etnográficos e patrimoniais. Trátase dun espazo delimitado por esas fronteiras que os homes crearon nalgún momento de xeito artificial, pero que, realmente, cando un camiña polo mundo real, lonxe de existir, esvaécense. As persoas que viven nesta zona predominantemente rural e mariñeira son asturianas, segundo pon o seu DNI, non entanto, a súa cultura e xeito de vida son como os das xentes galegas. Cando un camiña pola zona fronteiriza e se atopa cos seus veciños, chega un intre no que, ao adentrarse en territorios como o do Eo-Navia, xa non sabería dicir se se atopa en Asturias ou se xa cruzou a fronteira cara Galicia (se non fose polo cartel que oficialmente así o indica), e viceversa. Dende o Galicia Confidencial entrevistamos a Manuel Miragaia, autor do libro 'A terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturias', o primeiro que se escribe sobre esta comarca e sobre esta temática, que a día de hoxe aínda continúa suscitando debate.

Ría de Ribadeo
Ría de Ribadeo | Fonte: XdM

Como nos explica Manuel Miragaia, "hai varios territorios nos que viven a lingua e a cultura galegas". "O máis coñecido é o da Galicia administrativa, o das catro provincias (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), pero tamén existen outros territorios aos que comunmente se lles coñece como a Galicia estremeira: As Portelas, na provincia de Zamora; O Bierzo, na provincia de León; e o Eo-Navia, na provincia de Asturias". O seu libro, en concreto, trata sobre a galeguidade nesta comarca asturiana. "No libro non se fala só do tema lingüístico, senón tamén de moitas outras cuestións, como a súa xeografía física, a historia, a literatura, a antropoloxía, a mitoloxía, as lendas, a arquitectura, os costumes, a música, as festas populares, a gastronomía, as figuras históricas...". "O obxectivo é dar a coñecer a realidade global do Eo-Navia aos propios eo-naviegos e tamén aos seus veciños e irmáns galegos", incide.

"FÁLASE MÁIS O GALEGO NO EO-NAVIA QUE EN MOITOS CONCELLOS DE GALICIA"

A comarca do Eo-Navia está integrada por 18 concellos, os máis occidentais do denominado Principado de Asturias. Nestes fálase maioritariamente unha variante da lingua galega. "Cando o galego naceu como lingua, naceu ao mesmo tempo na zona do Eo-Navia que na da actual Galicia, que en Lugo ou que en Compostela". Con todo, e lamentablemente, na actualidade "en Asturias só está recoñecida como lingua oficial o castelán, e non o bable ou asturiano nin o galego do Eo-Navia". De feito, o autor critica que "as autoridades asturianas, respecto do galego eonaviego, nin sequera recoñecen a súa existencia, cando é algo que todos os grandes filólogos comprobaron e afirmaron que existe, demostrando que nesa zona de Asturias se fala unha variante do galego". De todos os xeitos, asegura Miragaia que "se fala máis o galego alí que en moitos concellos de Galicia". E iso a pesar de que non é a lingua oficial nin está recoñecida e de que ata agora nin se ensinou nas escolas.

Entón, como é que sen recoñecemento o galego se mantivo falado entre a poboación da zona? Pois como moitas outras cousas, como poden ser as lendas, polo boca a boca, a tradición oral, o costume de seguir facendo o que se fixo toda a vida. Tanto é así que, como asegura Miragaia, "os nenos falan galego a pesar de que nin sequera se ensina nas escolas". "Digamos que a tradición familiar, a herdanza familiar, leva a ensinar aos fillos o galego, e este vai pasando de avós a pais e de pais a fillos, xeración tras xeración, e aínda non se perdeu, é algo que segue vixente hoxe en día", afirma. Con todo, lamenta que queda moita loita por dar para que o galego eonaviego sexa recoñecido como lingua na zona. Así, o autor maniféstase a favor da normalización e da normativización da fala galega eonaviega, neste último caso coa opción ortográfica galega, "porque sería a opción máis sensata, racional, práctica e útil para os eonaviegos", o que significaría, na práctica, "poder escribir o galego do Eo-Navia ao xeito do galego de Galicia, e non ao xeito do asturiano-bable, que é outra lingua diferente, alén de non recoñecida, moi débil e minoritaria, e que é a que quere impoñer o Goberno asturiano".

Comarca do Eo-Navia
Comarca do Eo-Navia | Fonte: Wikipedia

E é que, segundo denuncia Miragaia, "o Goberno de Asturias leva anos tratando de normativizar o galego do Eo-Navia a través da academia doutra lingua: a Academia de la Llingua Asturiana". "É como se a Academia da Lingua Francesa regulase o inglés", exemplifica, asegurando que "non ten sentido ningún, é completamente irracional". Por iso, demanda a creación dunha Academia da Lingua Galega do Eo-Navia, "para que sexan os propios eo-naviegos os que decidan, non uns señores nacidos e criados en Oviedo e descoñecedores dela". Así, para o escritor tamén sería importante conseguir "que a fala eo-naviega, tan semellante á galega, sexa recoñecida como oficial" e que "existise un intercambio cultural igual ao que existiu sempre durante o pasado con Galicia, a nivel económico, humano e lingüístico".

"EN CADA UN DESES 18 CONCELLOS HAI 3 OU 4 AUTORES EN LINGUA GALEGA: DE ARMANDO COTARELO VALLEDOR A MIGUEL RODRÍGUEZ MONTEAVARO"

Máis aló da lingua, hai moitas outras cousas en común entre o Eo-Navia e Galicia. Unha delas é, sen dúbida, a súa numerosa cantidade de poetas e escritores en lingua galega. "A xente adoita pensar que se escribe máis en galego na zona do Bierzo, pero non é así, no Bierzo a día de hoxe practicamente non hai escritores en galego, mentres que en cada un dos escasamento poboados 18 concellos eonaviegos hai, como mínimo, 3 ou 4 poetas con libros publicados en lingua galega", asegura Miragaia. A xeito de exemplo, cita a Miguel Rodríguez Monteavaro, natural de Boal, un dos concellos da comarca do Eo-Navia, ao que hai tan só uns días lle entregaron un dos premios máis prestixiosos de poesía en galego: o de Afundación. "Está máis que comprobado que, como no caso de Galicia, esta é unha terra na que a xente posúe o don da imaxinación, da creatividade e do lirismo", afirma Manuel Miragaia. Tamén lembra a Armando Cotarelo Valledor, a quen adicaron o Día das Letras Galegas no ano 1984, sendo eonaviego.

Entre os homes e mulleres eonaviegos relacionados con Galicia, menciona a Fermín Penzol, que conta cunha fundación no centro de Vigo adicada á divulgación da cultura galega. Por outra banda, destaca o feito de que "tamén as primeiras mulleres que concluíron a carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC) eran eonaviegas: Elisa e Jimena Fernández De La Vega, tías da que foi vicepresidenta do goberno español con Zapatero". E outro eo-naviego de moita sona foi o Marqués de Sargadelos, natural de Santalla de Oscos, "e non de Ribadeo, como moita xente pensa porque foi asasinado alí e conta cunha estatua na súa homenaxe". Tamén nomea a Gonzalo Méndez de Cancio, "o home que, xunto coa súa muller mindoniense, trouxo de América a Europa os primeiros grans de millo, para seren sementados en leiras de Tapia de Casariego e de Mondoñedo tamén por primeira vez".

"AS CASAS EONAVIEGAS TEÑEN TELLADOS DE LOUSA E NON DE TELLA, COMO EN GALICIA; E CÓMESE O CALDO DE GRELOS, NON O POTE ASTURIANO"

No tocante á arquitectura, Miragaia tamén apunta a que no Eo-Navia hai construcións moi semellantes ás galegas que non se ven en ningún outro lugar do territorio estatal. Así, pon o exemplo das casas de patín, os pazos, as casas indianas e os cabazos (un deles sae na propia portada do libro 'A terra do Eo-Navia. A galeguidade en Asturias'), "construcións que no resto de Asturias non hai". "A arquitectura eonaviega é como a galega xeograficamente máis próxima, non como a do resto de Asturias", insiste, e destaca, por exemplo, que "os tellados das casas da comarca están feitos de lousa, non de tella, como no resto da comunidade autónoma, e seguen a típica tipoloxía de casa galega, non a de casa do centro de Asturias". 

Con relación á gastronomía, a eonaviega é moi semellante, por non dicir igual, á galega. "O típico nesta zona é comer caldo de grelos e precisamente fai cousa dunha semana celebraron o xa institucionalizado 'Día del Caldo', en Vilacondide (Coaña)". Mentres, "no resto de Asturias non se come o caldo, cómese o pote asturiano, que é moi diferente ao noso caldo", confesa o escritor. Ademais, outra cousa característica do Eo-Navia é que conta con vides e viños. Segundo asegura, "os eonaviegos foron tradicionalmente máis amantes do viño que da sidra". Deste xeito, a gastronomía eonaviega tamén é moi semellante e está moi vencellada a Galicia. Do mesmo xeito que as lendas e as festas: "Hai Magostos, Entroidos, Mallas, Esfollas, Samaíns, Noites de San Xoán e, no pasado, houbo Rapas das Bestas, celebracións todas elas inexistentes noutras partes de Asturias e que gardan unha relación evidente co ciclo festivo galego".

"NO LIBRO NON SE PON EN DÚBIDA QUE A TERRA DO EO-NAVIA SEXA ASTURIAS"

As fronteiras administrativas non sempre se corresponden coas linguas e as culturas. "Os territorios fronteirizas como o do Eo-Navia son moi interesantes e moi ricos, tanto a nivel cultural como patrimonial, porque neles conflúen diversas influencias". No caso desta comarca, "o feito de pertencer a unha comunidade autónoma diferente da galega e, sen embargo, contar cunha cultura con características galegas, pode xerar relacións moi positivas con Galicia e, ao mesmo tempo, co resto de Asturias", asegura Miragaia. "No libro non se pon en dúbida nin se cuestiona en ningún momento que a zona do Eo-Navia sexa de Asturias". "Se no futuro hai algún tipo de mudanza na súa situación administrativa debería ser só porque así o decidiron os propios eonaviegos, pois nin aos galegos nin ao resto dos asturianos lles debería corresponder tomar decisións unilaterais sobre esta cuestión", conclúe o escritor.

Imaxe dunha aldea do concello de Taramundi
Imaxe dunha aldea do concello de Taramundi | Fonte: TARAMUNDI.ES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta