Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2024 | Actualizada ás 14:12
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, resaltou que o PP pretende crear unha "cortina de fume" sobre a situación do galego co proceso lanzado pola Xunta para alcanzar un pacto pola situación da lingua, que, para a formación frontista, require dun novo decreto lingüístico xa de face ao próximo curso.
"A situación da lingua está diagnosticada", sentenciou a líder frontista en declaracións aos medios tras manter un encontro en Santiago coa directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández Rei, xunto aos deputados Mercedes Queixas e Daniel Castro. Alí, Pontón asegurou que o PP pretende crear unha "cortina de fume" coa súa proposta para un pacto sobre o galego e que o BNG non está disposto a "estar 15 meses dándolle voltas" a unha situación que "xa está diagnosticada". "O galego non pode esperar", engadiu.
Por iso, chamou a crear de forma "urxente" unha mesa que elabore un "novo decreto" lingüístico para o ensino a partir da achega de organizacións políticas e sindicais, anpas, "movementos de renovación pedagóxica" e as "institucións que teñan coñecemento sobre a lingua".
"BULLYING"
Pontón ve necesario que este novo marco lingüístico estea xa listo para a súa implantación no próximo curso 2025/26 e superar, desta forma, o denominado decreto do plurilingüismo aprobado polo PP tras o seu regreso á Xunta e ao que o Bloque atribúe a situación "de emerxencia" que, di, vive o galego polo "bullying" practicado polos populares "nos últimos 15 anos".
"O que non se nos pode dicir é que non aceptar nin unha das propostas do BNG é un acordo. O que quere facer o Partido Popular é unha cortina de fume para seguir acantoando a lingua galega e convertela nunha lingua residual", engadiu Pontón, que cre que o PP "non quere cambiar absolutamente nada".
Neste sentido, acusou ao PP de "romper todos os acordos que había en torno ao galego" e, en concreto, de "dinamitar" o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística co seu "decreto da vergoña", que fixo do galego "unha lingua de segunda" no mundo educativo.
A líder frontista rebateu que a derrogación do decreto "é o que están a reclamar todas as institucións" coas que mantiveron reunións e que tamén demandan "máis recursos" económicos para o fomento da normalización e o uso do idioma propio de Galicia. "O que quere o PP é manter ese decreto da vergoña que fai que os nenos e nenas que entran pola porta falando a nosa lingua saian sen falala", aseverou Pontón, que denunciou que o PP e Rueda "buscan impor un monolingüismo en castelán no que o galego sexa unha lingua residual". Nesta liña, dixo que o BNG ten "man tendida" para alcanzar "acordos a favor da lingua".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.