Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2018 | Actualizada ás 22:00
A medicina deportiva estuda os efectos do deporte e da actividade física no organismo humano. Todo desde a perspectiva da prevención ademais de tratar as doenzas e lesións e súa rehabilitación e tamén conta cunha misión orientadora no sentido de ofrecer pautas para o mellor desenvolvemento e rendemento dun deportista. Deste xeito, ocúpase de avaliar e acompañar aos deportistas antes, durante e despois da actividade física. Por outra banda, a medicina deportiva está dirixida non só a atletas de elite, senón tamén a persoas que precisan empregar a actividade física como ferramenta para mellorar a súa saúde.
“O que sorprende a estas alturas é que os programas de formación en Medicina non presten a atención correspondente á medicina deportiva, pois esta especialidade caeu dos planos de estudos MIR (Médico Interno Residente)” di o doutor Arriaza, especialista en medicina do deporte.
A cuestión é que a especialidade en si, vén sendo unha descoñecida para a maioría. No caso dos grandes equipos de calquera disciplina deportiva cunha liga de peso, os máis dos afeccionados consideran que o clube deportivo ten o seu médico para cuestións como lesións nos xeonllos, nocellos, ligamentos, etc. “Dentro da medicina do deporte hai terreos ou especialidades propias e unha delas é a de médico de club, quen estuda a sintomatoloxía do xogador ou xogadora e logo deriva ao especialista correspondente” aclara o doutor Arriaza. Non existen por tanto, grandes instalacións sanitarias dentro dos complexos deportivos privados.
As diferentes ramas da medicina do deporte recollen aspectos que son básicos para a configuración dun atleta. “Os campos especializados son a dicir, canto peso pode soportar o corpo do deportista e logo está traumatoloxía do deporte, moi enfocada cara a prevención de lesións en ósos e articulacións” di Arriaza.
Esta actuación especializada leva a que as diferentes áreas dentro da medicina deportiva compartan unhas características comúns. Unha sería a localización da lesión a respecto do deporte que practica a persoa lesionada. “Moitas lesións son sintomáticas de cada deporte practicado, por iso é importante localizar, saber onde está a lesión e ver como e por que se produciu”. Outra das características definitorias é a do tratamento con persoas baixo presión.
O fútbol é un deporte onde “dunha maneira ou doutra, o xogador ten un salario asegurado”. Non obstante, os deportistas de atletismo, lanzamento de peso, halterofilia, natación e outras, están ligadas á superación de diferentes marcas. “Isto fai que o atleta estea baixo unha forte presión e será un deportista que fará o imposible por superarse para poder acadar axudas ou bolsas como as ADO” comenta o doutor Arriaza. Neste sentido, algúns atletas que buscan a mellora nos seus rendementos para acceder ás bolsas deportivas, estarían esixíndose grandes esforzos o que propicia a aparición, senón a curto ou medio prazo, si a longo prazo de lesións que poden ser un risco para a súa saúde. Neste sentido, a medicina do deporte o que fai é ser un sistema preventivo de cara a que as lesións non pasen factura no corpo do ou da atleta.
APORTACIÓNS DA MEDICINA DEPORTIVA
Que aportou a medicina deportiva á asistencia sanitaria en xeral? A exploración de novas técnicas cirúrxicas en articulacións, desenvolvemento de aparellos para inmobilizar brazos ou pernas enxesadas e algo importante, a aplicación de técnicas de estiramentos, exercicios para fortalecer partes do corpo debilidatas e o uso do exercicio físico tamén como parte de terapias antidepresivas. “É de caixón que máis deporte é igual a menos gasto sanitario, porque está demostrado que o exercicio físico, feito con moderación e dentro dunhas pautas regradas, sen exceso, serve para a mellora da condición física” remarca Arriaza “porque non é que axude contra a obesidade e sobrepeso, é que axuda en aspectos como o control de azucre en sangue, mellora do ritmo cardíaco e ademais, feito de maneira correcta é un importante remedio que axuda a combater a depresión”.
Como exemplo, o artigo “Exercise is the real polypill” (O exercicio é a verdadeira polipílula) escrito entre outros, pola galega Carmen Fiuza-Luces. No artigo quere corroborarse os importantes beneficios que a práctica deportiva trae para as persoas. Mesmo afirma a súa condición de “desconxestionador” fronte a diferentes doenzas.
Preguntado sobre se houbo algunha caracterítica que vira evolucionar durante os seus vinte anos de traballo, o doutor Arriaza di dos deportistas actuais, sobre todo de futbolistas, xogadores de balonman e outros deportes semellantes que “antes eran moi tácticos, pero hoxe en día a súa condición física é de atleta total, así á condición de tácticos súmanlle a condición atlética”.
A medicina deportiva é unha especialidade que está moi desenvolvida, pero a día de hoxe os programas de estudo nesta especialidade parecen estar fóra do currículo académico. Con todo, esta especialidade académica ten aportado solucións moi importantes no terreo da traumatoloxía, lesións musculares e danos cerebrais por accidente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.