Os políticos aceptarían un almorzo connosco?

Decote miramos na prensa que tal ou cal político estivo esta mañá nun foro almorzando. Os xornalistas retallan anacos da intervención porque disque din cousas moi importantes en tales conferencias de boa sociedade.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 13/06/2011

Comparte esta noticia

Si, boa sociedade composta por banqueiros, políticos e empresarios que comparten mesa con madalenas, leite, café e un rico zume natural de laranxa. Alí están: o educado público (empresarios, banqueiros, políticos) en mesas redondas e os relatores (políticos ou banqueiros) nunha mesa presidencial.

Nestes galantes actos, promocionados por amábeis lobbys que chaman círculos de empresarios, os asistentes teñen quendas de palabra. Interrogan, entón, aos convidados.

Sonvos moi concorridos estes almorzos e os relatores case nunca rexeitan o convite (non é porque a austeridade non lles dea para almorzar na casa). En numerosas ocasións teñen revelado información transcendental para todos nós: reformas laborais, detalles das pensións, relacións comerciais, situación do sistema financeiro… Un lugar moi axeitado.

Teño a impresión que a plebe non temos acceso (dereito de admisión?). Un día tiñamos que tratar de ir, por exemplo ao Club Financeiro de Vigo cando veña Feijoo. Que pasaría?

Se non nos admiten, podemos crear foros para convidalos a un almorzo e entón ser nós quen interroguemos. Abofé que se falarían de temas diferentes. E iso que compartimos sociedade cos empresarios pero non parece que as mesmas inquedanzas. Pero, aceptarían este convite?

Xa, o problema sería o menú.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)