No verán pasado, celebrouse na cidade herculina o evento chamado “Empty Coruña”, proposto polo ETH Zurich (Escuela Técnica Superior de Zurich) e organizado no seo da Universidade da Coruña. A orixe do acontecemento atópase no dato que identificou a ETH Zurich segundo o cal A Coruña presentaba o maior índice de locais baleiros entre as cidades de Europa.
A razón semella obvia: entre 1996 e 2011, xeráronse na cidade máis de 400.000 m2 de superficie comercial mediante a construción de grandes centros. Isto implica que A Coruña chegase a dispor de 1.737 m2 por habitante de superficie comercial fronte aos 320 m2/hab. de España ou os 331 m2/hab. de media en Galicia.
Este dato simplemente brutal contrasta coa evolución da poboación que habería ser usuaria principal dos centros comerciais. Así, con datos INE, a cidade da Coruña contaba con 254.822 habitantes en 1995 mentres que en 2017 esa poboación pasou a 244.099 cidadáns, 10.723 persoas menos. O disparate non atopa cualificativo: a poboación redúcese namentres a superficie comercial multiplica por cinco a media do país.
A inusitada aposta polo comercio repítese cando un consulta as instalacións industriais da cidade. Os parques empresariais da Coruña evolucionaron claramente cara á actividade comercial. O protagonismo absoluto dos macrocentros alí emprazados, a presenza de grandes superficies dedicadas ao bricolaxe, ou a apertura de hoteis de catro estrelas fan que á contribución dos polígonos de Agrela-Bens e Pocomaco á xeración de riqueza que consegue a industria se vise reducida dun modo notable.
Porque habémonos decatar de que so a industria e a súa capacidade de produción e desenvolvemento crea riqueza xenuína. O comercio resulta unha actividade de servizo ao consumidor local pero a súa potencialidade económica restrínxese ao propio mercado local. Velaí a traxedia que supón a perda de industria que expresabamos no artigo que publicamos con anterioridade en Galicia Confidencial (
O desmantelamento dunha economía).
Que podemos facer? De entrada, recoñecer o diagnóstico, admitir o desastre da política destes últimos anos. E porfiar por darlle a volta á situación implantando xustamente a estratexia contraria. Exemplos ben claros: tornar os Cantones Village ou o Centro Comercial de Elviña en espazos de investimento, emprendemento, investigación, innovación, tecnoloxía e formación. Hai múltiples exemplos de éxito en cidades do mundo, tamén algúns en España. E converter a agoniante Fábrica de Armas en un parque tecnolóxico e un área de incubación e aceleración de proxectos de base tecnolóxica; hai tamén ducias de experiencias nas que inspirarse. A maior parte do gasto está realizada xa; disponse de terreos e locais. Ademais da renovación a realizar, sería cousa de atraer iniciativas de novos emprendedores, proxectos de crecemento das empresas de maior potencial e mesmo investimentos do exterior. Oportunidades non faltarán...