Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2018 | Actualizada ás 13:40
A asociación PuntoGal, promotora do dominio .gal na rede, presenta unha oferta especial de venda de dominios por tan só 5 euros (máis IVE) durante os días abranguidos entre o Black Friday e o CiberMonday. Isto é, esta promoción, lanzada co gallo da Mobile Week da Coruña, manterase dispoñible entre o 23 e o 26 de novembro.
A día de hoxe, xa son máis de 4.580 os dominios galegos con presenza na Internet. PuntoGal agarda chegar preto dos 5.000 ao remate do ano.
MOBILE WEEK CORUÑA
A Mobile Week Coruña é un evento global a pé de rúa impulsado pola Mobile Week Barcelona, que reúne a xente de tódolos sectores e que ten como obxectivo principal achegar a tecnoloxía dixital á cidadanía a través de actividades de balde e abertas ao público.
Este acontecemento, que conta co apoio de PuntoGal, terá lugar ata o mércores 28 na cidade da Coruña e nas localidades veciñas. Xustamente mañá, día 23, organizarase unha mesa de debate que leva por nome 'Revolución Dixital no Traballo'. Celebrarase en Expocoruña entre as 11:00 e as 13:00h e contará coa presenza de Edita de Lorenzo, vicedecana do COETG, vicepresidenta da AETG e secretaria da Asociación PuntoGal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.