A sesión final do xuízo contra Sito Miñanco por branqueo celebrarase o venres en Pontevedra

Ese día a Fiscalía determinará se eleva a definitivas ou modifica a súa acusación por un suposto delito de branqueo de capitais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2018 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

Este luns terminou a práctica de toda as probas programadas no xuízo por branqueo de capitais que se segue na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra contra o histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, a súa primeira esposa, a súa excuñada, a maior das súas fillas e un construtor, presunto home de palla. Así, a sesión final de xuízo foi sinalada para o vindeiro venres, 30 de novembro, coas conclusións e informes finais das partes.

Retómase en Pontevedra o xuízo por branqueo de capitais a Sito Miñanco. Cambados
Retómase en Pontevedra o xuízo por branqueo de capitais a Sito Miñanco. Cambados | Fonte: Europa Press

Na vista oral deste luns compareceu un perito traballador de Valmesa, a empresa de valoracións contratada por Facenda para taxar o patrimonio dos acusados, que ratificou os informes nos que detectaron irregularidades aínda que recoñeceu que non lembraba detalles e que para facer este traballo empregaron os datos da Axencia Tributaria sen entrar no interior das propiedades.

Tamén compareceu ante a sala un perito da empresa Horwath Auditores que realizou un informe a petición da defensa de María Rosa Pouso Navaza sementando dúbidas sobre as probas periciais usadas pola Fiscalía que segundo explicou contén "erros de percepción" que impiden soster que o seu patrimonio procede da actividade de narcotráfico de Miñanco. Pola contra, o informe deste especialista auditor conclúe que o patrimonio que teñen a exmuller de Sito Miñanco e a súa filla, Rosa María Prado Pouso, é "coherente" cos seus ingresos legais e declarados.

Ao termo do xuízo, o avogado de María Rosa Pouso Navaza, Alejandro Vega, insistiu en que o escrito de acusación da Fiscalía que levou á súa clienta a sentar no banco dos acusados "non parece unha acusación seria". Mentres, o letrado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, considera que "non houbo até o momento, e a proba xa se acabou, ninguén que dixese que detectase unha inxección de diñeiro procedente do meu cliente".

O vindeiro venres a Fiscalía determinará se eleva a definitivas ou modifica a súa acusación por un suposto delito de branqueo de capitais entre os anos 1988 e 2007, polo que pide que sexan condenados a unha pena de seis anos de prisión e 10 millóns de euros de multa cada un.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta