Por Europa Press / Redacción | VIGO | 29/11/2018 | Actualizada ás 18:25
O xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo prorrogou por dous anos máis a prisión provisional para César A.O., investigado como presunto autor da morte da moza Ana Enjamio, o 17 de decembro de 2016, e deu por finalizada a fase de instrución.
Así o confirmaron fontes xudiciais que apuntaron que, como paso previo a ditar o auto de apertura de xuízo oral, e tal e como establece a Lei de Xurado, este venres á primeira hora terá lugar a audiencia preliminar para que as partes se pronuncien sobre a conveniencia da apertura de xuízo. O investigado non estará presente no xulgado, senón que seguirá a audiencia por videoconferencia.
A audiencia que se celebrará este venres comezará coa práctica das dilixencias que propuxesen ou propoñan nese momento as partes, aínda que a lei permite que o xuíz denegue toda dilixencia proposta que non sexa imprescindible para decidir sobre a apertura de xuízo oral ou mesmo que sexa o propio maxistrado o que propoña dilixencias.
Unha vez finalizada a audiencia preliminar, o xuíz ditará auto de apertura de xuízo (nese mesmo acto ou nos tres días seguintes)ou, no seu caso, auto de sobresemento. Tamén pode darse o caso de que dite auto de apertura de xuízo oral e de sobresemento parcial se concorre algún dos condicionantes previstos na Lei de Enxuizamento Criminal.
ANA ENJAMIO
Os feitos polos que se investiga a César A.O. remóntanse á madrugada do 17 de decembro de 2016, na que a enxeñeira Ana Enjamio, natural de Boqueixón (A Coruña), foi acoitelada no portal do edificio onde vivía, na Avenida de Madrid, en Vigo, cando regresaba dunha cea de Nadal.
Como presunto autor destes feitos, foi detido César A.O., un compañeiro de traballo da vítima, coa que mantivera unha relación. O investigado permanece en prisión provisional desde o 21 de decembro de 2016, unha medida que acaba de ser prorrogada, á espera do sinalamento da data de xuízo, que se celebrará con xurado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.