(Vídeo) Tintín aterra co seu mítico foguete nun concello de Galicia para celebrar o Nadal: sabes cal é?

O seu X-FLR6, que foi quen de levar ao intrépido reporteiro á Lúa dúas décadas antes de que a pisase o Apollo 11, da NASA, xa se pode visitar en Vilanova de Arousa.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 28/12/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Tintín aterrou co seu foguete na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa para pasar este Nadal con todos os nenos (e adultos) galegos. Fíxoo acompañado do seu inseparable compañeiro de aventuras Milú, e deixou exposto o X-FLR6, o seu mítico foguete vermello e branco, fronte ao Xardín Umbrío, para que todos os curiosos se poidan achegar a coñecer esta fiel recreación do V2 alemán que foi quen de levar a Tintín á Lúa dúas décadas antes de que a pisase o Apollo 11 da NASA.

Tintín e o seu foguete en Vilanova de Arousa
Tintín e o seu foguete en Vilanova de Arousa | Fonte: GC

Máis en concreto, este foguete aparece na decimosexta entrega da serie de banda deseñada 'As aventuras de Tintín', titulada 'Obxectivo: a Lúa', que foi saíndo cunha periodicidade semanal de marzo a setembro de 1950 e de abril a outubro de 1952 na revista 'Tintín', pero recompilada finalmente ao completo en 1953. A trama conta como o intrépido reporteiro Tintín e o seu amigo, o capitán Haddock, reciben unha invitación do profesor Tornasol para chegar a Syldavia, onde Tornasol está traballando nun proxecto secreto nunha instalación gubernamental segura para planear unha misión tripulada á Lúa.

En verdade non se trataba dunha fantasía do creador de Tintín, sen máis, senón que esta entrega foi froito dunha extensa investigación de Hergé sobre a posibilidade de viaxes espaciais humanas (unha fazaña que, por aquel entón, aínda non se lograra e para a que faltaban décadas, pois o Apollo 11 aterrou na Lúa en 1969). Púxose en contacto con expertos en astronáutica para representar o foguete. Así, as súas características coloracións vermella e branca non foron froito da casualidade, nin para chamar a atención, senón que cumpren unha función técnica: os enxeñeiros da NASA empregaban estas cores porque así éralles máis doado comprobar se se producían cambios ou balanceos na fuselaxe durante o lanzamento.

Ademais, a forma do cohete tamén está inspirada nos avances tecnolóxicos da época. O X-FLR6 aseméllase moito ao mísil V2, deseñado por Wernher von Braun, un famoso enxeñeiro alemán, utilizado polo exército alemán para atacar aos seus inimigos durante a Segunda Guerra Mundial. Así mesmo, Hergé tamén preparou antes de levalo ao debuxo, unha maqueta da nave, na que representaba todas as compoñentes que debían formar parte dos traxes espaciais: radiotransmisor, bombonas de osíxeno, o casco cunha parte acristalada para mellor a visibilidade... Elementos todos eles que anos despois levaría Neil Armstrong cando pisou a Lúa por vez primeira. 

Hergé agardaba que a historia fose o máis realista posible e tratou de evitar elementos fantásticos. O sistema informático do centro espacil Sprodj baseouse visualmente no UNIVAC I, o primeiro ordenador que se creou con fins militares, mentres que o Centro de Investigación Atómica Sprodj baseouse no Oak Ridge Centre de Tennessee. Da banda deseñada, este foguete tamén deu o salto tamén á televisión, tanto na serie animada producida por Belvision no 1957 como na de Ellipse e Nelvana de 1991.

Tintín e o seu foguete en Vilanova de Arousa
Tintín e o seu foguete en Vilanova de Arousa | Fonte: GC

'AS AVENTURAS DE TINTÍN'

'As aventuras de Tintín' é unha das series europeas de banda deseñada máis influentes e traducidas do século XX. Foi creada polo autor belga Georges Remi, coñecido polo pseudónimo de Hergé e caracterízase polo estilo gráfico e narrativo coñecido como 'liña clara'. Estivo conformada por un total de 24 entregas, sendo publicada a primeira delas en 1929 e a penúltima en 1975 (a última non chegou a rematarse, aínda que se publicaron posteriormente os bosquexos realizados polo autor).

O protagonista, Tintín, é un intrépido reporteiro que, acompañado polo seu inseparable can Milú, embárcase nunha serie de aventuras que o levarán polos cinco continentes, enfrontándose, a miúdo, a todo un grupo de malvados, rodeado dos seus amigos, aos que irá coñecendo co paso do tempo e das sucesivas entregas. Os sete primeiros episodios das aventuras de Tintín publicáronse por entregas en 'Le Petit Vingtième', suplemento do diario belga de orientación católica 'Le Vingtième Siècle', entre 1929 e 1939. A primeira aventura de Tintín foi a súa viaxe á Unión Soviética. Nas seguintes entregas Tintín viaxou ao Congo Belga, aos Estados Unidos, a Exipto, á India, a China...

Todas as aventuras de Tintín foron despois recollidas en entregas independentes e traducidas a numerosos idiomas, incluído o galego. Para Galicia, encargouse a publicación de todas as entregas á barcelonesa Editorial Juventud. O tradutor ao galego de todas elas foi Valentín Arias López. O propietario da editorial, José Zendrera Fecha, foi tamén o responsable dos nomes en galego dalgunhas personaxes, como Hernández e Fernández (no orixinal, Dupond e Dupont) ou Trifón Tornasol (Tryphon Tournesol no orixinal).

A serie coñeceu dende os seus comezos un grande éxito. Calcúlase que se venderon dende entón máis de 250 millóns de entregas en 40 idiomas, sen contar as súas edicións piratas. As aventuras do personaxe de Hergé son, ademais, obxecto de culto e de coleccionismo en todo o mundo. É famosa a frase de Charles de Gaulle, segundo a cal o seu único rival no plano internacional era Tintín. A fama de Tintín non estivo, con todo, libre de polémicas, xa que algúns dos primeiros álbums da serie recibiron críticas por amosar unha ideoloxía anticomunista, colonialista, racista e sexista.

Despois do éxito da banda deseñada, fixéronse varias adaptacións cinematográficas da serie, tanto en debuxos animados como no cine de imaxe real. En concreto, para a televisión, producíronse dúas series de animación sobre Tintín, as dúas baseadas nas entregas orixinais da serie. A primeira, titulada 'Aventuras de Tintín, por Hergé', foi producida polos estudos Belvision e emitida entre 1958 e 1962 e consta de 104 episodios de 5 minutos de duración. A segunda serie, 'Las aventuras de Tintín', producida en 1991 polas compañías Ellipse Programme (Francia) e Nelvana Limited (Canadá) e dirixida por Stéphane Bernasconi, consta de 39 episodios de media hora cada un.

Tintín e o seu foguete en Vilanova de Arousa
Tintín e o seu foguete en Vilanova de Arousa | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta