Vigo, base "pioneira" de nanosatélites e foro de discusión sobre a "democratización" do espazo

A Universidade de Vigo lanza en decembro un novo nanosatélite, o LUME-1, para a prevención e detección de incendios forestais. A cidade acolle o primeiro encontro New Space España, con máis de 200 expertos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 29/11/2018 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

Case 200 expertos de empresas, centros de investigación e institucións reuníronse en Vigo este mércores no primeiro encontro New Space España, unha xornada de intercambio de experiencias, conferencias e mesas redondas sobre a "democratización" do espazo, é dicir, a irrupción de pequenas empresas, start-up e grupos de investigación no sector aeroespacial a través de tecnoloxías como os nanosatélites.

Xornada New Space España. DUVI
Xornada New Space España. DUVI | Fonte: Europa Press

O encontro abriuse coa proxección dunha mensaxe gravada do ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, e coa intervención do director da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo (que organiza a xornada xunto coa 'start-up' Alén Space) e responsable de Proxectos Espaciais de CINAE Galicia, Fernando Aguado.

Aguado explicou que este encontro ten como obxectivo fundamental "englobar os actores, universidades, empresas e centros de investigación, no campo dos nanosatélites, que complementan aos satélites tradicionais e as misións actuais, e permiten de forma áxil, con custo reducido e en pouco tempo, pór satélites no espazo".

A este respecto, lembrou que España fixo unha "aposta moi temperá" polos nanosatélites e a Universidade de Vigo foi "pioneira" na creación e construción destes satélites reducidos. Así, lembrou que xa participou no lanzamento de tres nanosatélites e que, entre este ano e o que vén, lanzaranse outros catro, alcanzando así os sete satélites postos en órbita.

Os primeiros pasos da institución académica viguesa neste camiño déronse coa posta en órbita de Xatcobeo, o primeiro 'cubesat' español, ao que seguiron os proxectos HumSat-D e Serpens, así como a colaboración no proxecto DustCube, que estuda os resultados dun posible impacto nun asteroide para desviar a súa traxectoria (dentro do programa AIM da NASA e a ESA).

O próximo 25 de decembro lanzarase desde Rusia o LUME-1, no marco da iniciativa FireRS, para prevención, detección e mapeado de incendios forestais, e en 2019 poranse en órbita dous satélites máis para o proxecto de constelación de satélites da empresa Aistech (centrado nas comunicacións experimentais).

FOGUETE PARA LANZAR NANOSATÉLITES

No encontro deste xoves participaron, entre outros, representantes da empresa PLD, asentada en Elxe, e que é pioneira en España na construción de pequenos foguetes para o lanzamento de nanosatélites.

O seu portavoz, Raúl Verdú explicou que PLD, creada en 2011, investiu máis de 18 millóns de euros no seu proxecto e espera ter, a finais de ano, o seu foguete en servizo. Un par de anos despois, en 2021, prevé comezar co lanzamento de nanosatélites, mentres se traballa na creación de plataformas de lanzamento en territorio europeo.

Outra das empresas que participa en New Space España é Satlantis, asentada en Bilbao, e que actualmente se centra en "observar a Terra", como explicou o seu representante Eider Ocerin. Así, Satlantis traballa no desenvolvemento de cámaras miniaturizadas (para seren instaladas en nanosatélites) que captan imaxes de gran calidade, nos rangos pancromático e en infravermello próximo.

Estas imaxes teñen numerosas aplicacións, como a vixilancia "en tempo case real" de fronteiras, estudo de áreas agrícolas, de cidades intelixentes, etc.

Eider Ocerin subliñou que a "democratización" do espazo permitiu que pequenas empresas emerxentes poidan "facer cousas con altas prestacións e redución de custos", a través da "tecnoloxía disruptiva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta