Por Europa Press / Redacción | VIGO | 05/12/2018 | Actualizada ás 18:47
O líder dos 'Miguelianos', Feliciano Miguel Rosendo, saíu preto das 18,00 horas deste mércores da prisión de Teixeiro (A Coruña) despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra decretase a súa liberdade provisional á espera da sentenza.
Rosendo, que o próximo 11 de decembro cumpriría catro anos de prisión provisional, sostivo que defende "a familia" e "a Igrexa", e que "será sempre" un "defensor da dignidade da muller".
Nunhas breves palabras dirixidas desde o coche no que lle foron a recoller os seus achegados, o fundador da Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo aseverou que non lle "roubaron a fe".
"Quero darlle as grazas ás maxistradas polo valor que tiveron", manifestou, para engadir que "polo menos" van "estudar" a súa causa.
Rosendo asegurou antes de abandonar as instalacións penais de Teixeiro que non alberga "odio nin rancor" e que vai defender "a verdade" do que viviu.
"Agora vou gozar da miña familia, a seguir rezando pola noite e a seguir crendo", trasladou, para aclarar que a súa "fe" é "humana".
Así mesmo, o líder dos 'Miguelianos' afirmou que "neste país hai unha gran necesidade" e que "hai moita xente que necesita a man dun amigo". "Eu non necesitei entrar no cárcere para ver o sufrimento. Tiven a graza ou a desgraza de coñecelo xa fóra", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.