Paliativos, unha maneira de combater a dor dentro da enfermidade

O pasado 5 de decembro foi o Día Internacional do Voluntariado en Coidados Paliativos. Os paliativos buscan a mellora da calidade de vida para persoas cunhas expectativas vitais moi curtas. No caso do Sergas e doutros servizos de saúde, esta atención fana equipos multidisciplinares pero non hai unha especialidade que aborde este campo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A atención e os coidados paliativos son “os coidados que se ofrecen de maneira integral aos doentes con enfermidades crónicas avanzadas” define Juan Sanmartín, xefe de Coidados Intensivos do CHUAC. “Cando o estado de saúde da persoa é moi deficiente a propia definición inclúe xente cun período de vida limitado, falamos de seis a doce meses de supervivencia, por tanto son os coidados aplicados ao final da vida”.

Equipo Voluntarios Paliativos no CHUAC
Equipo Voluntarios Paliativos no CHUAC | Fonte: Equipo Voluntarios

Non obstante, a anterior definición é a que se aplicou durante os últimos vinte anos. Hoxe en día os coidados paliativos defínense como “os coidados aplicados de maneira integral por un equipo multidisciplinar, pero que comezan de maneira precoz, xa desde o diagnóstico da doenza”. Estes coidados aplícanse mediante un equipo formado por diferentes especialistas, desde atención primaria ata paliativistas. “Isto o que quere demostrar é que a atención paliativa esténdese durante o desenvolvemento da enfermidade crónica” di Sanmartín.

Que teñen as doenzas crónicas para seren atendidas por estes equipos de paliativos? “A enfermidade crónica, dependendo da súa tipoloxía, poden ter unha media de supervivencia de cinco anos máximo de media”. Durante ese tempo, a dor forma parte dos elementos que se queren combater. “En principio paliativo é o alivio, a protección, entón temos que abordar o controlo de síntomas físicos e psicolóxicos e emocionais” destaca Juan Sanmartín. Entre os síntomas físicos hai unha grande presenza de dor.

A DOR

“A día de hoxe tratamos tanto os síntomas físicos como psicoemocionais, pero a dor segue sendo o cabalo de batalla na atención paliativa” remarca Sanmartín. Abordar a dor na doenza crónica é outro extremo que precisa de equipos multidisciplinares. “É un síntoma moi persistente, nós cremos que a dor precisa un bo control, nese sentido, pensamos que nos últimos anos hai unha mellora no tratamento farmacolóxico da dor en enfermidades crónicas” pero ademais “tamén houbo unha mellora profesional en todas as persoas implicadas neste campo” insiste Sanmartín, que tamén indica un control sobre a dor case do cen por cen, aínda que ese síntoma seguirá presente sempre no ser humano. 

Un doente no Hospital
Un doente no Hospital | Fonte: @oitaven

“A dor é unha sensación desagradable e de disconfort físico e que leva unha compoñente emocional. Está casusada por unha irritación nos nervios”. O feito de que a dor afecte á parte física e emocional ou psicolóxica, fai que sexa un síntoma multisensitivo, o que trae unha afectación na calidade de vida da persoa enferma. Pero a dor do outro pode afectar á persoa que aplica os coidados? “Sempre existe implicación, cando se trata de coidados no final da vida, é invebitable un certo achegamento á persoa enferma” reflexiona Sanmartín.

Esta implicación pódese xestionar, aínda que estariamos diante dun problema moi difícil de resolver. É máis doado que haxa sobreimplicación que falta de empatía ou implicación. “Hai unha compoñente humana que é a necesidade de coidar, sentimos compasión e necesidade de atender ao semellante, pero isto hai que controlalo para que non acabe prexudicando a atención paliativa”. Non existen métodos “per sé” para controlar esa sobreimplicación. Sería cuestión de estudo para especialistas, para a xente normal sería coñecerte a ti mesmo, estar moi seguro do que fas, non dubidar constantemente se o fas ben ou se o fas mal e sobre todo ter habilidade para facer as tarefas.

ENTRADA EN PALIATIVOS

“Temos un protocolo desde hai anos no CHUAC, e dano as necesidades do paciente como son os síntomas descontrolados, fatiga, alteracións mentais como delirios, impacto emocional da enfermidade e necesidades de coidados” todo isto constitúe por si mesmo un protocolo, di Juan Sanmartín. “As persoas que pasan a paliativos deben ter necesidade de control e síntomas de enfermidade avanzada”.

O equipo de persoas que atenderán ao doente ten que tratar tamén coas familias. “Aí temos que ter unha relación de honestidade, ser sinceros cos coidados e que os familiares estean de acordo co obxectivo que é o confort da persoa asistida”. Isto quere evitar discrepancias entre o equipo médico e a familia pois isto traería complicacións no momento de tratar a persoa ingresada. Isto vaise acadando co paso do tempo, seguindo a evolución da persoa enferma.

As posicións contrarias ao ingreso en paliativos por parte de familiares, serían cuestión máis de descoñecemento sobre o que son estas unidades. A percepción que se ten nestes casos é como se o paciente entrase nun terreo onde estaría escasamente atendido, “cando  iso é totalmente o contrario, o que buscamos é que sexa unha noticia positiva, garantimos unha calidade de coidados excelente e que tentaremos solventar toda a temática física e emocional que podan saír”.

ESPECIALIDADE

Mentres se preparaba esta reportaxe, o dato máis curioso foi dar coa noticia da inexistencia dunha especialidade médica en paliativos. “Levamos vinte e cinco ou trinta anos pelexando co Ministerio de Sanidade sobre este tema, estivemos cerca nalgún momento, pero o certo é que hai poucos países que teñan esta especialidade” lamenta Juan Sanmartín. En toda Europa son dezaoito os países que si teñen esta especialidade de cincuenta e dous estados que conforman o continente europeo.

“Existen titulacións de capacitación, titulacións que resolven unha formación específica, nós vemos que é totalmente necesario desenvolver un currículo en coidado paliativo” sinala Sanmartín, mentres comenta “é posible que non se abordara este tema  por unha cuestión de competencias entre profesionais, as novas especialidades que chegan cos cambios dos tempos tardamos tempo en ter a nosa acreditación”.

Preguntado sobre como se podería convencer a un tribunal ou a unha institución para a creación desta especialidade médica en paliativos, Sanmartín contesta “primeiro crear un currículo que sería partir dunha especialidade, logo temos unha carga científica de coñecemento baseada na bibliografía científica que temos e logo a experiencia profesional en paliativos, porque os equipos están creados desde hai vinte e cinco anos”. Todo iso tería como resultado a capacitación mediante titulación específica para unha área determinada.

Os coidados das persoas cunha doenza irreversible están, como moitos aspectos dentro da medicina, envoltos en tabús, ideas preconcebidas e descoñecemento en moitos casos. Por outra parte, a área de paliativos está reclamando unha especialidade que ven necesaria para a mellora en calidade para a atención das persoas ingresadas na área. Por tanto, e aínda que existe traballo e experiencia acreditados, paliativos é un terreo que debera ser abordado desde unha perspectiva tanto humana como científica e por suposto, médica. Todo para a eliminación deses complexos que aínda existen. 

Camas hospitalarias
Camas hospitalarias
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta