Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/12/2018 | Actualizada ás 14:07
O cabeza de lista da candidatura 'Entre Todas', David Bruzos, expresou as súas "dúbidas" sobre a "limpeza" do novo sistema de votación para as primarias de En Marea e emprazou ás próximas horas para coñecer se finalmente o sector crítico retira a candidatura do proceso, que comeza a primeira hora deste sábado.
En declaracións á Radio Galega este venres, Bruzos asegurou que a empresa 'Openkratio' "non foi contratada" para actuar como consultora do proceso e que, ademais, "non pode facer a validación" das votacións nun período de "dous días". Ante a posibilidade de que 'Entre Todas' decida non participar nas primarias e retire a candidatura (Anova xa anunciou que a súa intención de seguir adiante), Bruzos recoñeceu que esa opción está encima da mesa, pero que non hai unha decisión tomada en firme.
"As decisións de Villares no último mes inhabilítano como líder de En Marea", espetou, antes de matizar que se refire ao liderato "orgánico", aínda que tamén opina que "a situación é insustentable" no Parlamento, onde Villares ocupa a portavocía do grupo.
Ademais, acusa á dirección do partido instrumental de levar a cabo "un asalto completo" ao comité electoral para facerse co seu control após a suspensión de tres dos seus membros (aliñados co sector crítico) e que foron substituídos por afíns a Villares. A continuación, David Bruzos apunta que a coordinadora terá "que responder nos xulgados" por esta situación, xa que, como avanzaron o pasado xoves, os membros cesados do comité estudan recorrer á vía xudicial ao entender que foron acusados sen probas e que foi vulnerado o seu dereito á defensa.
VÁZQUEZ VERAO
A continuación, tamén na Radio Galega, a deputada Paula Vázquez Verao, membro da candidatura oficialista 'Coidando a Casa', afirmou que o novo sistema ofrece "plenas garantías" e que o proceso "vaise parecer moito ao voto en urna".
"É un dos procesos telemáticos máis seguros que se deron no Estado", incidiu, para logo subliñar que o sistema está "auditado" e que votar "é a única forma para saír" da profunda crise que atravesa En Marea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.