Galicia Confidencial confírmase como líder da prensa en galego e terceiro xornal do país

GC ampliou o seu equipo durante o ano 2018, ao mesmo tempo que se asociou con catro novos xornais en galego de ámbito comarcal: Xornal de Vigo, Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Lugo Xornal. Tamén nos consolidamos como líder en redes da prensa en galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/01/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Logo de marcar un fito na prensa galega en 2017, cando Galicia Confidencial se situou como o terceiro xornal de Galicia e se consolidou como o primeiro en lingua galega, este medio confirmouse en 2018 como a principal alternativa informativa en Galicia a La Voz e Faro de Vigo.

Galicia Confidencial pechou 2018 como terceiro xornal de Galicia, segundo a clasificación de Alexa.
Galicia Confidencial pechou 2018 como terceiro xornal de Galicia, segundo a clasificación de Alexa.

A auditora de sitios web Alexa, do Grupo Amazon, volve situar en 2018 a GC como o terceiro xornal de Galicia e consolídase como líder da prensa en lingua galega.

GC vén experimentando un espectacular crecemento nos últimos tempos, superando na clasificación de Alexa a cabeceiras tradicionais —con edicións en papel— como La Opinión da Coruña, La Región de Ourense, El Correo Gallego ou El Progreso de Lugo máis Diario de Pontevedra, todos eles pertencentes a importantes grupos de comunicación con enorme capital e numerosas axudas económicas das administracións públicas. 

GC sitúase así como terceiro xornal de Galicia tanto na clasificación mundial como na do Estado español de Alexa, a principal auditora do mundo que avalía en aberto a calidade e as visitas dos medios de todo o mundo, usada como referente en numerosos traballos científicos de primeiro nivel sobre impacto mediático e tráfico web, ante a imposibilidade de acceder e comparar en aberto datos doutras auditoras.

Entre os nativos dixitais, GC tamén destaca como líder, deixando atrás a xornais tamén en galego como Praza Pública e Sermos Galiza. 

CRECEMENTO

Este crecemento ten distintas explicacións. Por un lado, GC ampliou o seu equipo, ao mesmo tempo que se asociou con catro novos xornais en galego de ámbito comarcal que apareceron a mediados deste ano: Xornal de Vigo, Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Lugo Xornal. Esta colaboración permitiu enriquecer os contidos de GC coa información de proximidade destes novos medios, grazas ao acordo de cooperación con estes xornais.

A isto hai que sumar o crecemento en redes socias. GC é o xornal en galego con máis seguidores (54.000) e foi o primeiro en lingua galega en superar os 30.000 en Facebook. A isto hai que sumar o grande impacto que teñen as publicacións de GC. Por exemplo, en decembro fomos o terceiro medio de Galicia con maior número de interaccións en Facebook, superando mesmo á TVG e só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Pero, ademais, fomos o medio coa mellor taxa de compromiso, é dicir, o que mellor porcentaxe de interaccións conseguiu en relación ao número de seguidores.

O equipo de Galicia Confidencial agradece aos seus lectores a confianza prestada nun proxecto que non deixa de medrar. Feliz ano!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 toxo

Parabéns !! E moitas grazas polo esforzo e traballo que facedes dia a día.

2 Javier Carnota

A miña máis sinceira noraboa. Seis dos esforzos de Xurxo pola consolidación do proxecto e alégrome de que vaian chegando boas novas.

1 Gamela

Noraboa e ogallá este 2019 escalemos dous postos no ranking... Para deixar atrás aos medios subvencionados non hai máis camiño que a profesionalidade e a libertade de información e de expresión. Saúde e Repúbica Ética !!! (da república de cartón xa temos dabondo!)