Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2018 | Actualizada ás 19:32
O deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello presentou unha iniciativa na Cámara para pedirlle ao Goberno central "que se implique de forma activa na preservación e mantemento do importante patrimonio" do Centro Galego de Bos Aires.
Fernán Vello preguntou ao Goberno de Pedro Sánchez se "está a levar a cabo algún tipo de xestión en colaboración coa Xunta para impedir que se perda todo o legado" do Centro Galego de Bos Aires. E é que, segundo explica, En Marea está "profundamente preocupada polo que poida pasar coas obras de relevantes artistas galegos como Castelao, Luís Seoane, Carlos Maside ou Isaac Díaz Pardo.
"Hai unha biblioteca con máis de 18.000 volumes, unha fonoteca con discursos históricos e arquivos fotográficos. En que estado está todo este patrimonio que permanece nun edificio en constante deterioración e regresión?", cuestionou o deputado de En Marea.
Segundo informa o grupo nun comunicado, Fernán Vello xa se dirixira "en anteriores ocasións" ao Executivo estatal dende que este relevante centro está "en proceso de desmantelamento, de deixamento absoluto e de abandono".
Ademais, En Marea lembra que o Executivo sinalou nunha resposta anterior que "a Embaixada de España en Bos Aires está en contacto permanente co Centro pola súa importancia para a Comunidade galega".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.