Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2019 | Actualizada ás 16:19
O grupo municipal de Marea Pontevedra presentou este xoves unha moción na que insta o goberno local a que supervise as contas dos últimos catro anos nos centros socioculturais e instalacións deportivas de titularidade do Concello, ao que tamén demanda que coordine o seu funcionamento.
Nunha rolda de prensa o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, acompañado do número 2 da súa formación para as próximas eleccións, Teresa Casal, solicitou "transparencia" na xestión dos centros, xa que o Concello destina unha gran parte do seu orzamento á súa construción e mantemento e "con todo non fai un seguimento do seu funcionamento".
Teresa Casal recalcou que estes centros tamén deberían ser unha "escola de valores e de convivencia veciñal", para convertelos en "unha ferramenta máis que axude a erradicar os abusos que os homes cometen sobre as mulleres".
O Concello conta con diversos equipamentos municipais nos barrios da cidade e nas parroquias, destinados a actividades de índole cultural, social e deportivas pero, segundo Marea Pontevedra "na actualidade non hai constancia de ningún convenio, regulamento, protocolo ou documento administrativo que regule a cesión e uso destes equipamentos municipais".
Aínda que opta por cedelos a diversos colectivos e asociacións, o Concello corre cos gastos correntes (mantemento, subministración eléctrica, abastecemento de auga ou seguro de responsabilidade civil), como queda reflectido nos Orzamentos locais.
"CONDICIÓNS DE IGUALDADE"
Marea Pontevedra entende que neses espazos onde se realizan cursos, programas e talleres comunitarios "é obrigación do Concello dispor os mecanismos e ferramentas necesarias para que quede garantido o seu correcto funcionamento".
Isto, engaden, debe incluír a supervisión das súas contas e, ao mesmo tempo, a total garantía de que a súa actividade se desenvolve "en condicións de igualdade" para todas as persoas, "evitando así situacións de xestión discrecional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.