Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 19:21
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves os valores de 195 medallistas galegos que foron campións en competicións internacionais entre 2017 e 2018 como "inspiración" para os deportistas máis novos.
"Estamos a falar de 353 medallas internacionais, 126 delas de ouro, e de 353 veces nas cales toda Galicia compartiu o orgullo de conseguir todas esas vitorias e de ser os mellores no medio cento de especialidades deportivas", abordou, segundo informa o Goberno galego.
Durante o acto de recepción aos medallistas en Santiago, Feijóo aseverou que, para seguir sumando vitorias, os deportistas contarán co apoio da Xunta. Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico enxalzou "o esforzo, a capacidade de superación e os éxitos conseguidos" por todos eles, froito tamén do "traballo e a vocación dos técnicos, dos adestradores, dos clubs, das federacións e das familias que os apoian".
Unhas palabras que contrastan co cese da Secretaría Xeral para o deporte da medallista olímpica Marta Míguez para "enchufar" no seu lugar ao José Ramón Lete Lasa que quedou sen traballo tras a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno central. Este cese provocou duras críticas da maior parte das federacións deportivas.
Así mesmo, incidiu en que son o maior incentivo para o deporte base, "porque ademais de levar a bandeira galega polo mundo enteiro, abanderan tamén os valores que a mocidade debe seguir", dixo, ao que engadiu que o fomento do deporte e a actividade física é xa unha "aposta por transformar a sociedade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.