Por E.P. | LUGO | 11/01/2019 | Actualizada ás 13:30
A Garda Civil, no marco da 'Operación Jariña', detivo o pasado día 10 a dous veciños de Lugo de 59 e 21 anos, ademais de imputar en calidade de investigada a outra muller de 52 anos, como presuntos autores dos delitos conexos de estafa, usurpación de estado civil e falsidade documental por compra-vendas en Internet.
Segundo informou o Instituto Armado, o equipo de investigación de Burela iniciou no mes de marzo do ano 2017 as pescudas en relación a un delito de estafa na compra dun teléfono móbil, o cal non se chegou a pagar ao vendedor, labor no termo municipal de Ferreira do Valadouro (Lugo).
No marco destas investigacións, e unha vez coñecida polos axentes a identidade do presunto autor do delito, detectouse a súa suposta participación "nun gran número de ilícitos penais", indicou a Benemérita. Entre outras, relataron as mesmas fontes, "realizaba actividades de compra venda de vehículos. Contactaba con persoas que anunciaban a venda dos vehículos en diferentes páxinas de anuncios de segunda man e negociaba a compra dos mesmos, simulando en ocasións o pago do vehículo a través do envío dunha captura da transferencia" a través de programas de mensaxería instantánea. A transferencia, porén, nunca chegaba a realizarse.
Para as compras, o autor dos feitos e na maioría dos casos investigados, utilizaba as identidades doutras persoas, identidades que conseguía a través das copias dos documentos de identidade que os vendedores ou compradores dos vehículos lle enviaban para a tramitación dos documentos oportunos na Xefatura Provincial de Tráfico. Isto levaba consigo "o consecuente prexuízo para as persoas ás que usurpaba a identidade, ao ser considerados inicialmente nas denuncias policiais que se tramitaban, como os autores dos feitos", matizou o Instituto Armado.
As mesmas fontes aseguraron que se puido demostrarse, tras a investigación realizada, "que tan só eran meras vítimas do autor real". Así mesmo, estas identidades foron utilizadas para a contratación de seguros exprés, cos que se transportaban os vehículos adquiridos no mesmo día da súa compra supondo aos mesmos unha avaría, seguros que non chegaban a cobrarse ao achegarse números de conta de terceiras persoas que non aceptaban os cargos.
SIMULABAN FIRMAS
O desenvolvemento das investigacións desvelaron que, tras a adquisición dos vehículos con identidades que non se correspondían co comprador real, o autor falsificou os documentos que se presentaban na Xefatura Provincial de Tráfico, modificando os datos iniciais e simulando as firmas dos contratos e restantes documentos.
Por parte dos axentes, constatouse a participación de catro persoas nos feitos. Só un deles atribuiríaselle a comisión de 37 delitos (10 de falsidade documental, 18 de usurpación de estado civil e 9 de estafa). Esta persoa áchase en paradoiro descoñecido e figúranlle xa varias requisitorias xudiciais con orde de ingreso en prisión.
Os outros dous detidos e a investigada realizaron presuntamente "entregas, traslados e cobros de vehículos". Ademais, supostamente mediaron entre varias xestorías a entrega dos documentos para a súa tramitación ante a Xefatura Provincial de Tráfico", concretou a Benemérita.
Os detidos e a persoa investigada foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo.
OUTRO CASO DE ESTAFAS
Por outra banda, a Garda Civil tamén detivo o pasado 10 de xaneiro a outro veciño de Lugo como presunto autor dun delito continuado de estafa e usurpación de estado civil cometido na contratación de diferentes tarifas telefónicas e a adquisición de terminais móbiles, asociados á contratación das liñas.
Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado de prensa, as compañías telefónicas afectadas reclámanlle ao detido "2.000 euros por facturas pendentes de pago".
O presunto autor, unha vez realizaba as contratacións a nome dun terceiro prexudicado, recibía os equipos no seu domicilio a través de empresas de paquetería e, unha vez no seu poder, "enaxenábaos en establecementos dedicados á compra de terminais móbiles de segunda man de Lugo, co obxectivo de sacar un beneficio económico", relatou o Instituto Armado.
O detido foi posto a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Chantada (Lugo) este venres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.