A suposta agresión a un activista no campionato de caza de raposos chegará ao Senado

Segundo informaron as asociacións animalistas Libera e Fundación Franz Weber, unha deputada de En Marea formulará a posibilidade de endurecer as condicións para obter a licenza de caza

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber informaron de que En Marea trasladará ao Senado a suposta agresión que o pasado sábado sufriu un activista no campionato de caza de raposos en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra). Entenden que se debe abrir "un debate urxente sobre a violencia de persoas que portan armas de fogo".

Animalistas contra os campionatos de caza de raposo na protesta do sábado. LIBERA
Animalistas contra os campionatos de caza de raposo na protesta do sábado. LIBERA

Segundo informa Libera nun comunicado, a senadora de En Marea por Pontevedra, Vanessa Angustia, rexistrou unha serie de preguntas "inquirindo ao Goberno central acerca da gravidade do feito", no que un cazador supostamente agrediu e encañonou un activista que participaba na protesta da que denominan "pseudocompetición".

A senadora preguntou sobre un "hipotético endurecemento legal das condicións para obter unha licenza de armas", ademais de facer unha valoración sobre unha posible remodelación do proceso para dispoñer de licenza de caza. Segundo informa Libera, este aspecto corresponde ás comunidades autónomas, polo que tamén suxire "un procedemento negociado coas mesmas".

Libera e a Fundación Franz Weber lembraron que solicitaran con anterioridade a adopción de "medidas de protección". En concreto, Libera recorda que os colectivos animalistas mostraron a súa preocupación polos feitos, "que superan con moito o lexítimo dereito de calquera persoa a mostrar a súa desconformidade con calquera acto".

Así mesmo, cargan contra a Federación Galega de Caza e o propio Executivo autonómico "por organizar macrobatidas para exterminar raposos sen facilitar as localizacións das próximas convocatorias", e aseguran que demostran "unha opacidade inxustificable e antidemocrática".

Ademais, ambas organizacións e a senadora de En Marea denuncian que estas "pseudocompeticións" sexan consideradas como unha actividade deportiva, "amparada polo propio Consello Superior de Deportes, que facilita fondos públicos ás federacións vinculadas coas cacerías".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta