En Marea esixe información sobre o novo campionato de caza de raposo deste domingo

O grupo parlamentario reclámalle a Medio Ambiente que cumpra coa obriga de indicar a localización exacta do evento e critican que a Xunta apoie e financie este tipo de competicións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

En Marea remitiu unha carta á Consellería de Medio Ambiente na que esixe información sobre o campionato de caza de raposo que se prevé celebrar este domingo, 20 de xaneiro. Segundo critican, "a día de hoxe descoñécese a localización exacta da celebración do mesmo".

Animalistas contra os campionatos de caza de raposo na protesta do sábado pasado. LIBERA
Animalistas contra os campionatos de caza de raposo na protesta do sábado pasado. LIBERA

O deputado de En Marea Pancho Casal censura que este evento conte coa autorización de Medio Ambiente, dentro dos plans dos tecores nos que se vai a celebrar, "así como co apoio e financiamento da Xunta".

Deste xeito, o grupo parlamentario advirte á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, de que en caso de non ser informados exercerán as accións oportunas para denunciar os seus incumprimentos e a ocultación de información.

"Dentro das obrigas de transparencia que corresponden ao seu labor -sobre todo tendo en conta que é unha actividade que conta coa autorización, colaboración e patrocinio da Xunta de Galicia- deberá facilitar a información relativa ao lugar de celebración, ademais daquelas requiridas legalmente para a celebración do mesmo", remarca Casal.

Ademais, En Marea mostra a súa oposición a este tipo de eventos, xa que están "carentes de ningunha xustificación ambiental e de xestión das especies".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta