A reacción da frustacción

A receita inglesa está escrita en papeis co selo do Goberno Thatcher. A Dama de Aceiro, unha das teóricas e executante das políticas neoliberais que son parte da xénese da actual crise (privatización de caixas, de institucións públicas, promoción do crédito como forma de vida…), deixou unha pegada na política británica: represión fronte á protesta, policía fronte á demanda popular.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 13/08/2011

Comparte esta noticia

O que miramos estes días en Inglaterra está cheo de topicazos da prensa: son uns criminais, uns bébedos, uns ladróns… E aí quedan. Dío Cameron e basta. Dío Scotland Yard e basta. Dío o alcalde de Londres e basta. Máis nada. O resto é pensamento anarcoide, estupideces de rapaces sen cabeza, bobos de baba.

 
Resulta moi difícil non relacionar o que sucede coas condicións de vida dos seus protagonistas. As protestas danse nos arrabaldos das cidades (antes París, hoxe Londres). Pero non nas urbanizacións con campo de golf. Danse nos barrios onde vive xente que padece a política Cameron, os que senten a desesperación dun futuro duro ao cal se resisten, néganse a aceptar.
 
A rebeldía emana desa negación: non quero ese futuro! E a rebeldía acumúlase e exprésase en manifestacións, concentracións, debates e conversas con xente que padece a mesma situación… e cando un policía mata a un rapaz dese barrio sen dar aínda a razón, a rebeldía exprésase en violencia. Non se trata de xustificar ou non ese método senón de racionalizalo, de pensalo, de coñecer a orixe para atallar alí onde se produce.
 
No canto diso, os herdeiros de Thatcher aplican a man dura que levan até barallar a oportunidade de sacar o exército á rúa. O exército! O xefe da policía descartou “por agora” esa intervención. O exército británico para rematar coa protesta desa mocidade! Ese é un éxito da sociedade que eles educaron?
 
Gordon Brown escribiu en 1989: “The distribution of income in Britain has now become so unequal that it is beginning to resemble a Third World country” (in Where there is greed) como un alegato contra os herdeiros de Thatcher. Pero o laborismo, a socialdemocracia inglesa, foi a primeira proba do derrocamento do seu pensamento fronte ao embate neoliberal vía aceptación dese marco ideolóxico escrito no sistema financeiro. Que alternativa ían crear cando estoupou a crise? Non a tiñan fóra dese linde ideolóxico, ningunha opción socialdemócrata europea. E tomando a cita de Brown: fixeron algo os executivos laboristas para evitar afondar nesa fractura?
 
 A liña do anterior mandatario, Tony Blair, era a privatización da sanidade pública ou da educación, piares dos programas da esquerda (a defensa do seu acceso gratuíto e de calidade). En 2008, o presidente G. Brown inxectaba cartos públicos á banca (sen que repercutise na liquidez) e participaba activamente nas convencións que pretendían “refundar o capitalismo”. Falaban dun capitalismo humano, capitalismo verde… falaron de pechar os paraísos fiscais, de aprobar a Taxa Tobin… Todo iso falaron nos primeiros pasos da crise para non facer ren e deixar que os “terroristas financeiros” promovan a ruína dos estados e desas cinsas, deses refugallos, lucrarse. Sábeno ben no Banco Central Europeo (órgano sen control democrático) porque eles son cómplices e actuantes desta situación.
 
 As taxas de desemprego nos barrios revoltosos, como Hackney, está no 35%. Pero Cameron non entende isto e si a chamada austeridade (recorte social), a denuncia da inmigración (“é inaceptable”, dixo en novembro de 2010) e sacar 16 000 policías ás rúas para meter a 1 000 rapaces en prisión. Esa é a solución? Acaso un mandatario pode chamar “enfermos” a esta xente? Non hai outro xeito de resolver os problemas que aldraxar a esta rapazada, responder con violencia a aquela violencia que condena e metelos en prisión? Ese é o modelo de sociedade futura que quere Cameron e a dereita europea que aplaude ao tory?
 
 Nos barrios onde a mocidade protesta hai unha mestura de afros, asiáticos e de ingleses de toda a vida. Non é unha cuestión de etnia. Non é unha cuestión racial. Nin tan sequera teñen unha dirección política definida. Pero todos teñen en común as condicións sociais en que viven: desemprego, desatención social, aumento de taxas universitarias con recortes de bolsas, redución de subsidios aos necesitados, redución en axudas á vivenda, aumento do IVE ao 20%… Os analistas din que cada casa vai perder anualmente unha media de 11 000 euros anuais. Nun fogar en que ao mes entre 5 000 euros, non se notará moito; nunha fogar de mileuristas, si.
 
Porén cómpre destacar que esa frustración dun mañá fodido non se revela en racismo. Exprésase contra o goberno e o sistema. Conscientes ou non, comprometidos ou non cun cambio sistémico. O miolo é que lles deron un modelo de vida ao cal, agora mesmo, non poden acceder e séntense as primeiras vítimas dos recortes económicos por seren eles as clases sociais máis desfavorecidas. E queren berrar basta.
 
Cameron non sabe desta realidade. Provén dunha familia moi adiñeirada de Inglaterra e vén de deixar as súas vacacións nunha mansión en Villa Petrolo (Toscana). Non comprende a esta xente. El é dos que pensan: na vida podes chegar ao que queiras se te esforzas. Non sabe da igualdade de oportunidades, non sabe dos problemas que xera nunha familia o desemprego, non sabe que a frustración provoca en ocasións violencia, non sabe o que é depender de subvencións para vivir por ser minusválido ou pensionista, non sabe que hai xente que non pode pagar esas matrículas na universidade, non sabe o que é vivir nun barrio marxinal onde a droga é unha opción presente cada día, non sabe o que é educar os pícaros nesas condicións… non sabe porque a esta xente lles importa un carallo os que viven mal e que non nos veñan con gaiteiradas.
 
E un pensa na resposta que un mozo implicado nos feitos deu a unha xornalista da BBC: “Por que estás a protestar? − Porque antes podía mercar o que agora estou roubando”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)