Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/01/2019 | Actualizada ás 13:06
Unha femia adulta é a primeira toniña morta do ano na costa galega. O exemplar, duns dous metros de lonxitude, apareceu o sábado na praia de Ostreira, en Poio e foi retirado por efectivos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA.
Os biólogos analizaron os restos do animal e, tras facer a necropsia, atoparon no seu estómago "algo que xa é moi habitual nos cetáceos, un trozo de plástico de 10x6 centímetros, que podedes ver na foto", explicaron desde a CEMMA. Con todo, matizan que esa non foi a causa da morte, pero si é unha nova alerta sobre o grave problema da contaminación do mar e de especies por plásticos e microplásticos.
Tamén descubriron que era lactante, polo que tería unha cría agora soa. "Esperemos que o seu cachorro fose xa quen de valerse por si mesmo", apuntaron os biólogos.
Os varamentos de baleas en Galicia nas últimas semanas estaban acaparando a atención dos científicos e dos medios, pero desde a CEMMA avisan de que "non podemos esquecer que son moitas máis as especies que aparecen na costa".
"Este animal non sairá nos telediarios porque non é a especie máis grande, senón precisamente a máis pequena dos cetáceos. Pero o seu valor na biodiversidade mariña e na comunidade de cetáceos galegos é maior", subliña a CEMMA.
EN RISCO DE DESAPARICIÓN
De feito, o toniña (Phocoena phocoena) é a especie de cetáceo máis pequena de todo o Hemisferio Norte e tamén a máis ameazada. E o exemplar atopado en Poio pertence ao "tramo de idade que máis se viu reducido nas últimas décadas", indica a CEMMA.
Esta ONG declarara 2018 como o Ano da Toniña para concienciar aos galegos da necesidade de conservación desta especie.
"A toniña é unha especie que está nunha difícil situación de conservación: os seus efectivos están moi minguados, a súa taxa de reprodución é baixa e as ameazas son cada día maiores sobre esta especie", alertan desde a Cemma.
Na costa atlántica oriental distribúese dende as augas circumpolares (Mar de Barents), ata a costa senegalesa africana. No Mediterráneo está considerada extinguida. Por isto, a poboación que está presente nas augas da Península Ibérica resulta de especial singularidade.
En Galicia é unha especie considerada común, mais pouco frecuente. Rexístrase no 5% dos varamentos, e as observacións da especie non chegan ao 10% dos avistamentos totais de cetáceos.
Con todo, a costa de Galicia é unha área fundamental para a conservación da especie, pois aquí se rexistra o 80% dos varamentos e o 90% dos avistamentos da especie a nivel de toda a costa española.
O tráfico marítimo confirmouse como unha ameaza real para que a toniña poida regresar ao seu hábitat natural en augas da Península Ibérica.
"Non podemos, e sobre todo non debemos, deixar pasar a oportunidade de traballar pola recuperación da toniña, para impedir que entre no escuro catálogo da extinción. Sabemos que cada día que aparece unha toniña varada morta nunha praia estamos máis lonxe de conseguilo, sabemos que vai custar moito poñer en marcha medidas de conservación, mais, ou asuminos como sociedade galega este reto, ou a toniña desaparecerá das nosas augas nun par de décadas", advertiu a CEMMA hai xa máis dun ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.