O cambio climático trae especies nunca vistas en augas galegas, a última, o mero dourado

Científicos fan oficial o achado por primeira vez en Galicia de exemplares de Epinephelus costae, o rexistro máis ao norte que se ten desta especie.

Por Alberto Quian | Madrid | 25/01/2019 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A fauna mariña das rías galegas está mudando nos últimos anos. A presenza de especies exóticas e invasoras nunca vistas antes nas nosas augas está sendo descrita para a ciencia polos investigadores. Dende peixes, crustáceos e moluscos inéditos nestas latitudes, até especies de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados insólitos nas rías galegas, son xa habituais os achádegos que están sorprendendo á comunidade científica. Investigadores informan agora do primeiro rexistro de mero dourado (Epinephelus costae) en augas de Galicia. Nunca antes fora localizada esta especie aquí. 

Os dous primeiros exemplares de Epinephelus costae rexistrados en augas galegas. O primeiro (A), capturado fronte as illas Cíes e o sefundo (B), na ría de Pontevedra
Os dous primeiros exemplares de Epinephelus costae rexistrados en augas galegas. O primeiro (A), capturado fronte as illas Cíes e o sefundo (B), na ría de Pontevedra | Fonte: Acta Ichthyologica Et Piscatoria (2018) 48 (4): 399–402.

Os científicos confirmaron a existencia de rexistros de dous exemplares de mero dourado no sur de Galicia, pero só un deles foi capturado e conservado para a súa identificación. Ambos os exemplares foron rexistrados nun curto período de cinco días.

O primeiro espécime, que pesaba 1.200 gramos, foi capturado o 22 de abril de 2018 por pescadores fronte as Illas Cíes. O exemplar vendeuse no mercado de peixe fresco en Cangas do Morrazo, pero fotografouse antes da venda e foi identificado como unha femia adulta de Epinephelus costae ao comezo do ciclo reprodutivo.

O segundo foi capturado o 27 de abril preto da illa de Onesa –ao sur de Ons– e foi desembarcado no Porto de Bueu. Retívose para un estudo detallado no laboratorio.

Estes achados permiten realizar unha revisión do límite norte de distribución para esta especie.

O mero dourado é nativo do Atlántico oriental, desde as costas de Portugal e do Mediterráneo, ata Angola.

Os autores da identificación explican que "aínda que o límite máis setentrional do Atlántico de  Epinephelus costae se informou a aproximadamente 40º N [á altura de Portugal], os datos precisos deste límite non se atoparon na literatura científica".

Os achados feitos en Galicia poden constituír o rexistro de distribución máis ao norte desta especie.

A recente expansión dalgunhas especies de Epinephelus —como o mero de altura, o mero branco e o mero de pintas laranxas— ao Mar Mediterráneo e o Océano Atlántico é, segundo os científicos, resultado do quecemento das augas.

Os autores do estudo recordan que os Epinephelus son os principais peixes depredadores nas cadeas alimenticias e tamén se atopan entre os peixes máis grandes nas augas mariñas costeiras, polo que os cambios na súa distribución, abundancia e capacidade de colonización teñen unha influencia significativa nas comunidades de especies autóctonas.

O estudo, titulado 'First record of Epinephelus costae (Actinopterygii: Perciformes: Epinephelidae) from Galician waters (north-western Spain): Exploring the northward range expansion', publícase na revista científica Acta Ichthyologica Et Piscatoria e está asinado por Rafael Bañón (Xunta de Galicia), David Barros García (Universidade de Vigo) e David Villegas Ríos e Alexandre Alonso Fernández (CSIC).

A chegada de novas especies a augas galegas non é nada raro. Recentemente, científicos galegos confirmaron o primeiro rexistro de peixe globo (Ephippion guttifer) en Galicia, sendo tamén a captura máis setentrional desta especie rexistrada no Océano Atlántico nororiental. O exemplar fora capturado na ría de Vigo.

Segundo a  comunidade científica, o aumento en número, así como os cambios na distribución de especies de peixes no Océano Atlántico europeo relaciónanse cun proceso de tropicalización debido ao quecemento do océano. Hipótese que se ve reforzada polo aumento da temperatura das augas galegas de 0,24°C por década observado desde 1974 e por numerosas aparicións doutros seres mariños propios de latitudes máis ao sur.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta