A Deputación de Pontevedra esgrime a protección de datos para non entregar ao PP a acta da inspección a bolseiros

Os 'populares' pensan que as denuncias dos sindicatos sobre a existencia dunha situación irregular "son reais".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra esgrimiu a protección de datos de carácter persoal para non entregar ao Partido Popular a acta da Inspección laboral aos bolseiros. O portavoz do PP, Ángel Moldes, cre que o feito de que se estea "ocultando" esta información, failles pensar que as denuncias dos sindicatos sobre a existencia dunha situación irregular "son reais".

Deputación de Pontevedra.
Deputación de Pontevedra.

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra divulgou o informe do secretario xeral desta administración que conclúe que non pode facilitar ao Partido Popular a acta da Inspección laboral sobre a situación dos bolseiros que están a desenvolver a súa actividade nos diferentes servizos da institución provincial.

Este informe foi comunicado ao PP mediante un oficio do deputado delegado de Economía, Facenda e Réximen Interior, Carlos Font no que contestaba á solicitude de copia presentada polo portavoz do grupo provincial do PP, Ángel Moldes.

O informe do secretario argumenta que as citadas actas "conteñen datos de carácter persoal que deberán ser especialmente protexidos por esta Corporación".

E engade que prevalece neste caso, o dereito á protección destes datos de carácter persoal sobre o dereito de transparencia e o dereito de acceso á información por parte dos deputados.

ACCESO "LIMITADO"

Ademais, o secretario da Deputación entende que a utilización destes datos para unha finalidade non compatible co procedemento administrativo interno "vulnera os dereitos legalmente protexidos", motivo polo cal, "para garantir a confidencialidade ou o segredo requirido nos procesos de toma de decisión, é polo que o dereito de acceso á información está limitado".

Tras un recurso por parte dos populares a Presidencia emitiu unha resolución na que, xunto aos argumentos antes citados, o secretario engade que o requirimento da Inspección de traballo esta sendo "obxecto de análise e estudo" para decidir a actuación administrativa e, no seu caso, procesual a seguir.

Por iso, conclúe que "dar publicidade nestes momentos prexudica os intereses da Deputación e, no seu caso, o de terceiros" e engade que é por iso que require "alto grao de confidencialidade" neste proceso de toma de decisións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta