José Luis Vilela, director de La Voz: "Gustariame estar nesta nova andaina"

O xornal coruñés puxo en marcha unha nova reconversión coa intención de potenciar os contidos dixitais. "Nos medios que imos subsistir non hai nin rancor, nin desprezo, nin odio", di tras recoller o Premio Diego Bernal. Feijóo destaca que a vocación deste medio é "ser a voz da maioría dos galegos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 21:31

Comparte esta noticia

O director da Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela (Muxía -A Coruña-, 1957), recolleu este xoves en Santiago de Compostela o Premio Diego Bernal, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) pola "traxectoria como xornalista multidisciplinar" deste profesional, cualificado durante o acto como a "paradigma do xornalista total".

Xosé Luís Vilela recibe o premio Diego Bernal
Xosé Luís Vilela recibe o premio Diego Bernal | Fonte: Europa Press

Durante o seu discurso, Vilela referiuse a toda unha vida adicada a La Voz --doce deles como director-- e advertiu: "Gustariame estar nesta nova andaina". Unha alusión que non poucos xornalistas vincularon coa fonda reestructuración que vive o xornal coruñés que quere potenciar os contidos dixitais e reducir significativamente o número de traballadores

Nas últimas semanas especulouse coa posibilidade de que Vilela fora tamén substituído da dirección do xornal. Ten 62 anos e estaría xa en idade de prexubilación. De feito, a dirección do grupo anima aos xornalistas que superan os sesenta a prexubilarse, pero ese parece non ser o caso do aínda director de La Voz.

"Gustariame estar nesta nova andaina", dixo. "Teño 62 anos e tiven xa dous infartos, un hai dez anos e outro o pasado 27 de decembro, e quero seguir vivindo esta profesión de servizo á sociedade", suliñou con rotundidade co que algúns dos presentes interpretaron como unha posición de afirmación da súa posición en La Voz de Galicia.

Previamente, Vilela suliñou a necesidade de "afirmar as novas formas de comucación" porque, dixo, "calquera pode saír a contar a súa leria". "Nos medios que imos subsistir non hai nin rancor, nin desprezo, nin odio", indicou, "temos que axudar a coñecer e publicar o que coñecemos para que sexa de todos".

O director da Voz desde 2006 situou ao xornalismo na conxuntura, simbólica, de saber "como quere o café" o cliente. "Pero o noso, o importante, é facer café, e ese café noso non corre ningún perigo, non está ameazado", apuntou. "Mentres haxa sociedade é necesario ter comunicación", "non hai democracia sen comunicación", do mesmo xeito que "non hai pensamento libre sen comunicación" nin é posible "coñecer ao outro" ou "coñecernos a nós mesmos" sen comunicación, remarcou.

"RAPAZ DE MUXÍA HUMILDE E BRILLANTE"

No transcurso do evento, o xornalista e compañeiro en La Voz, Fernando Salgado, eloxiou a Vilela polo seu "perfil humano e o seu historial profesional", un "faro de dignidade e bonhomía" dun "rapaz de Muxía humilde e brillante" que conseguiu "ser a paradigma do xornalista total".

Tras recordar a traxectoria durante catro décadas do director da Voz de Galicia no medio no que tocou todas as teclas do oficio", nunha "polifonía diversa" na que percorreu desde a economía á política, pasando de "grumete a capitán" e de redactor das "normas de navegación --as normas de estilo-- a responsable "das operacións de cirurxía estética" e do deseño actual.

Un xornalista que tamén destacou no ámbito cultural a través das súas críticas de teatro e bibliográficas, como autor de "xoias literarias" que "é unha pena que non recolla nun libro" do mesmo xeito que "os seus centos de poemas", suxeriu Fernando Salgado.

E Salgado, que tamén foi Secretario xeral de Medios con Touriño, non quixo deixar pasar a ocasión para apoiar a quen dixo, "é o único que queda de toda unha xeración" de bos e xenerosos xornalistas. Referiuse a un grupo de reporteiros que andan ou superan os 60 anos e que foron os que, dixo, "axudaron a modernizar" La Voz.

"Cando chegamos, algúns eran barbudos e outros lampiños, de babor e de estribor... Só sabe o armador porque escolleu así a mariñeiros de tan diferentes procedencias", lembrou en alusión a Santiago Rey Fernández Latorre, actual editor do medio, cando quixo modernizar nos 70 un xornal herdado do seu avó. Unha xeración, lembrou Salgado, das que hoxe quedan "moi poucos" e das que Vilela é todo un "referente". Unha frase que algúns intepretaron como un "aviso de navegantes" ante posibles cambios na dirección.

A VOZ" DOS GALEGOS

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia encomiou a Vilela, que publicou a súa primeira información en decembro de 1975 nas páxinas da Voz de Galicia con tan só 18 anos, por preocuparse desde o seu primeiro artigo ata o presente por "non perder a vocación" coa que naceu o seu medio de comunicación: ser "a voz da maioría dos galegos".

"Dos da Galicia urbana e dos da rural, dos da costa e dos do interior, dos que prefiren a edición web e dos que seguen almorzando cada mañá co diario en papel", resaltou, sen deixar de referirse tamén ás 13 edicións coas que conta o xornal galego e que demostran que hai unha vocación por chegar ao "último" lugar da comunidade.

Ao acto non asistiron outros grandes dirixentes do Grupo Voz, entre eles, o director xeral, Lois Blanco, nin moitos delegados ou xornalistas da Edición de Santiago, onde se celebrou o acto. Un feito que algúns dos comunicadores presentes interpretaron como un "boicot" a Vilela. Con todo, durante a tarde deste xoves celebráronse asembleas locais dos traballadores do Grupo Voz para analizar a situación do ERE encuberto e plantear novas mobilizacións.

TRAXECTORIA

A traxectoria de Vilela estivo dedicada ao exercicio da profesión desde unha idade temperá, tanto en cargos con responsabilidade de xestión como de edición e de contidos, logo de comezar a traballar na profesión xornalística aos 18 anos.

Vilela publicou a súa primeira información en decembro de 1975, nas páxinas da Voz de Galicia. Ao longo deste tempo desempeñou funcións de responsabilidade en case todas as seccións do xornal. Como crítico teatral, Vilela recibiu o Premio Galicia de Xornalismo no ano 1987. Tamén é autor de varios libros, como o Manual de Estilo da Voz de Galicia, publicado en 1992, primeira obra que estableceu as pautas de traballo da redacción do xornal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Graña

Moito pasteleo