Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2019 | Actualizada ás 15:26
A segunda edición do proxecto 'Viños de Autor' da adega Ponte da Boga con denominación de orixe Ribeira Sacra, presentou este venres en Santiago 'Fulgor', que dá nome a un viño rosado de edición limitada e ao último disco do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, no que el mesmo canta por primeira vez.
Ao acto de presentación, que tivo lugar na Sala Riquela da capital galega, acudiu o actor Carlos Branco, quen explicou que no novo disco do músico de Moaña "aparece un Budi novo, unha nova colleita. Budiño aparece tocando o piano sen renunciar á gaita, sen renunciar ás raíces nin a quen é, pero aparecen novas tonalidades nel".
O director técnico da adega, Rubén Pérez, definiu a música e o viño "como un proceso creativo" e explicou que a orixe do rosado foi para eles "como unha novidade, igual que para Budiño introducir letra nas cancións". O viño, que definiu como "informal", pode acompañar practicamente toda a gastronomía galega, pero non se recomenda para alimentos con moita graxa, como a carne.
O viño, que definiu cun ton "rosa pálido pero á vez un pouco vivaracho" e "informal", é unha nova creación vinculada ás características dos seus viños pero intermedio entre o branco e o tinto". O rosado "móstrase en nariz intenso, propio da zona na que se atopa, con notas a lambetadas, fresas, rosa e mouras".
"DICIR COUSAS CON OUTRO INSTRUMENTO"
Pola súa banda, Budiño explicou que 'Fulgor', que conta con 10 cancións, nace "da necesidade de dicir cousas con outro instrumento, de utilizar a voz" e do consello de moitos amigos que lle dicían que "dese o paso".
"A aventura nace un día asollado nas cataratas do Niágara, cando un bo amigo que nos deixou, Fran Pérez 'Narf', propúñame facer unha canción xuntos e cando me viu cantar nesa proba de son en Canadá el díxome que non entendía por que o chamaba a el para acompañarme, se debería coller o micro e facelo eu mesmo", relatou. Posteriormente, Budiño continúa coa idea de compor pero "o das letras" resultáballe complicado, así que acudiu a tres amigos "que escriben moi ben": Antía Otero, Mercedes Veiga e Xoel López. eles crearon as tres primeiras letras do disco e o resto fíxoas el mesmo.
Xoel López acompaña a Budiño en 'Santiago', o primeiro single do disco. Budiño explicou que 'Frida' é un tema onde soa a guitarra acústica de Jairo Zavala, Depedro. Tamén forman parte do disco "grandes instrumentistas" como o guitarrista Antonio Casado, o acento portugués africano do músico Luiz Caracol ou o Cuarteto Quiroga, que recentemente gañaron o Premio Nacional de Música. O disco, gravado no estudo Abrigueiro, conta nos directos como voz e guitarrista coa presenza do cantor e compositor ourensán Brais Morán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.