Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/01/2019 | Actualizada ás 13:48
Cambiar de postura con frecuencia, complementar o tempo de xogo con actividade física e outras alternativas de lecer, son os mellores aliados para ser un bo videoxogador e evitar o sedentarismo, segundo lembran os fisioterapeutas no primeiro videoconsello do ano da campaña "12 meses, 12 consellos de saúde".
Co título “Como ser un gamer e non morrer no intento”, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) ofrece no seu videoconsello de xaneiro unha serie de recomendacións para que os “gamers” poidan gozar da súa afección coidando da súa saúde:
Segundo informan os fisioterapeutas no clip, é importante non pasar moitas horas sentado fronte á pantalla e, no caso de que a partida se alongue máis da conta, ademais de cambiar de postura con frecuencia é conveniente utilizar a tecla de “pause game” cada hora e media e así cambiar de actividade por uns minutos e aproveitar para moverse.
Os xogos de realidade virtual son cada vez máis populares pero ás veces, se non se teñen en conta algúns sinxelos trucos, poden xogar malas pasadas. Por este motivo, os fisioterapeutas inciden na importancia de revisar a contorna antes de “poñerse as lentes” de realidade virtual, para evitar que podamos chocar con obxectos reais, golpearnos con eles ou caer.
Polo que respecta aos xogos que simulan actividades deportivas, o ideal é evitar moitos movementos bruscos, pois non se debe esquecer que estamos a golpear o aire e podemos acabar facéndonos dano.
Ademais, para os xogos de procura no móbil e que implican movemento na rúa, os fisioterapeutas tamén recomendan non perder de vista a contorna pola que se camiña, para evitar tropezos con persoas ou cousas cando só se está pendente da pantalla.
Por todo iso, os fisioterapeutas lembran que, aínda que os xogos son unha forma de lecer estupenda e divertida, a vida real está fóra do xogo, polo que facer exercicio, comer de forma saudable e acudir ao fisioterapeuta para previr e tratar as posibles lesións, son algunhas das claves para gozar desta forma de lecer coidando a saúde.
Porque, tal e como sinalan, "o fisioterapeuta é o mellor influencer de todos os gamers”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.