Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 30/01/2019 | Actualizada ás 20:20
Hai 144 anos saía á rúa o primeiro medio en galego. Unha iniciativa do xornalista Valentín Lamas Carvajal. Era un 7 de febreiro cando botaba a andar O Tío Marcos d’a Portela. Desde entón numerosos proxectos xornalísticos se teñen posto en marcha na nosa lingua, a pesar das dificultades que existiron, e aínda existen, durante anos, especialmente, por falta de protección institucional.
Para conmemorar esta efeméride, a Asociación de Medios en Galego (Amega) realizará esta fin de semana en Pontevedra é a II Gala dos Medios en Galego. Un evento que pretende servir de altofalante sobre a situación, ás veces precaria, dos medios escritos na lingua do país
Durante a presentación do evento, este mércores no Concello de Pontevedra, o presidente da Amega, Henrique Sanfiz, lembrou que o Parlamento de Galicia fixo unha declaración institucional para establecer precisamente esa data de saída do xornal como o Día dos Medios en Galego.
O acto estará presentado pola xornalista Mónica Rodríguez e nel intervirá o humorista Touriñán e a intérprete Ugia Pedreira. Polo demais, alí estarán representantes da Asociación Cedofeita, Anxos Sobriño, de Cotenol, e Kiko da Silva, en representación do eido da banda deseñada, entre outros. O evento pecharase coas intervencións de secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
LINGUA, CULTURA E EMPREGO
Na rolda de prensa tamén participaron o concelleiro e deputado de Normalización lingüistica do Concello de Pontevedra e da Deputación de Pontevedra, Alberto Oubiña e Xosé Leal, que animaron ao usar o galego. Para Oubiña, a existencia de medios en galego ten tres vertentes: a cultural, a informativa e a de creación de emprego. Xosé Leal lembrou que é fundamental o apoio das administracións aos medios en galego para dar, asegurou, “unha situación de normalidade a unha aposta” que cre que ten que ser clave tanto na empresa privada como na pública.
A gala comezará este sábado, ás 12 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para asistir é necesario recoller invitación. Estas estarán dispoñibles a partir das once da mañá deste xoves 31 na Alcaldía do Concello de Pontevedra e no Museo de Pontevedra. Quen queira recollelas en horario de tarde poderá facelo a partir das 18 horas deste mesmo xoves na Librería Paz, na Rúa Peregrina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.