Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2019 | Actualizada ás 13:38
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou que o persoal temporal e indefinido non fixo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (Spdcif) da Xunta -nas diferentes categorías de bombeiros forestais- teñen dereito a que se lles conceda o pase á segunda actividade nas mesmas condicións que ao persoal laboral fixo.
O alto tribunal galego estima deste xeito unha demanda de conflito colectivo interposta pola CSIF contra a Xunta, CC.OO. e UXT polo acordo de segunda actividade que, segundo o sindicato demandante, discriminaba ao persoal laboral temporal, incluído o declarado indefinido non fixo por sentenza, ao impedir o pase á segunda actividade a todos os traballadores que non teñan a condición de fixo.
"Non existía razón legal algunha para impedir que os compañeiros temporais, con 60 anos ou máis, puidesen solicitar o pase a unha segunda actividade afastada da extinción directa nas mesmas condicións que os traballadores fixos da mesma idade", sinala o sindicato.
Deste xeito, no fallo con data do 28 de xaneiro de 2019, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena á Xunta a convocar "de inmediato" os procesos de pase á segunda actividade que permitan facer efectivo ese dereito ao persoal afectado por este conflito colectivo.
REACCIÓN DA CSIF
Ante iso, o CISF deu os "parabéns" a todos os traballadores temporais e indefinidos das categorías de bombeiros forestais que, conforme sinalou, a partir de agora poderán libremente solicitar o seu pase á segunda actividade nas mesmas condicións ca o persoal fixo.
Ademais, o sindicato informou de que estuda posibles recursos xudiciais contra a nova discriminación do persoal temporal no acordo retributivo ligado á carreira profesional formado por CC.OO. e UXT.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.