Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2019 | Actualizada ás 15:03
As vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, onde se rexistraron 80 mortos e 144 feridos, acusan a PP e PSOE de "silencialas" na comisión de investigación do Congreso, á que pretendían volver para comparecer en último lugar, de modo que puidesen replicar ás intervencións dos responsables técnicos e políticos implicados no sinistro.
"Convócannos a porta pechada", critica a plataforma que engloba á gran maioría de afectados. Nunha nota de prensa, a asociación subliña que "desde o principio" solicitaron aos grupos parlamentarios que se incluíse a súa intervención en último lugar. Unha petición que defendeu En Marea.
Pola contra, o vindeiro luns 11 produciranse as últimas comparecencias, as dos exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, ao que seguirá unha invitación en seguintes días para que os afectados participen nunha reunión a porta pechada cos portavoces da comisión.
A asociación de vítimas asegura que contaban co apoio de todos os grupos para ter a última palabra, en aberto, a excepción do PP, "que se negaba en rotundo e do PSOE que deixaba a porta aberta".
"CONFIABAMOS EN CANCELA E ELORZA"
En xuño do ano pasado puxéronse en contacto cos deputados do PSOE Pilar Cancela e Odón Elorza "solicitando o seu apoio" para "este pequeno xesto", lembran. "Confiabamos no Partido Socialista, e en concreto na galega Pilar Cancela, que en sede parlamentaria, cando se aprobou a creación da comisión, pronunciou as seguintes palabras 'Sentimos o atraso, pero camiñaremos xuntos", incide a plataforma de vítimas.
"Esas mesmas palabras, con ollos húmidos pola emoción, díxonos nunha reunión en privado ás vítimas e familiares", engade o comunicado. Tamén, apuntan as vítimas, confiaban en Odón Elorza, secretario de área de Transparencia e Democracia Participativa, e que lles apoiou "desde o principio".
"Á parte de ser antidemocrático e nada transparente, parécenos un escándalo e unha afronta máis ás vítimas e familiares. Négannos ás vítimas a última palabra con luz e taquígrafos para que non podamos ser escoitados, para que a cidadanía non poida ouvir as nosas réplicas aos diferentes comparecentes, e para que o que digamos non quede reflectido negro sobre branco no diario de sesións do Congreso dos Deputados, a casa de todos", censuran.
Para os afectados pola traxedia do Alvia, trátase de "unha treta máis do deputado galego do PP Celso Delgado e do PSOE, que xa vetaron no seu día a proxección do documental 'Frankenstein04155".
Tamén censuran "que permitiron, nun feito inaudito nunha comisión de investigación parlamentaria, que o investigador do accidente do Alvia, o señor Rallo, a pesar de non estar na orde do día nin estar presentes todos os portavoces da mesa, volvese comparecer a última hora da tarde para rectificar o que dixera pola mañá".
Vicente Rallo responsabilizou nun primeiro momento á exministra Ana Pastor da decisión de que non se reabrise a investigación oficial sobre o accidente, pero logo desdíxose, e para iso volveu comparecer ante a comisión.
A plataforma denuncia que "tratan de secuestrar" a súa palabra, ante o que remiten ás palabras de Martin Luther King: "As nosas vidasempiezan a terminar o día en que gardamos silencio acerca das cousas que importan", parafrasean. Por último, subliñan que lles "segue importando depurar as responsabilidades do accidente". "E, como non temos medo e non nos debemos a ninguén, non nos imos a calar. Nunca", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.