O programa da TVG “O mellor cocido do mundo” gaña a XXV Edición do Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro

O segundo premio recaeu no libro“Estrelas da despensa galega e 67 receitas con historia e sabor”, de Carina Regueiro Domínguez, e na categoría académica o xurado recoñeceu o proxecto “Raíces Doces”, dun grupo de estudantes da USC.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 13/02/2019 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

O programa gastronómico “O mellor Cocido do Mundo”, producido pola Televisión de Galicia e realizado pola empresa Setemedia Producciones Audiovisuales vén de proclamarse como a obra gañadora da XXV edición do Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”.

O traballo foi o mellor valorado polo xurado entre as diferentes propostas que se presentaron á convocatoria deste ano. Nesta edición o xurado estivo composto por representantes do mundo do xornalismo de recoñecido prestixio, entre os que estaban os decanos das facultades de comunicación de Galicia -Xosé Ramón Pousa (Santiago), Luís Hernández (A Coruña) e Xosé Baamonde (Pontevedra). Tamén formaron parte do tribunal, o vicedecano do Colexio de Xornalistas de Galicia e director da revista “Luzes”, Xosé Manuel Pereiro; a xornalista de revista especializada “La Alacena Roja”; Martina Vicente; e o director deste xornal, “Galicia Confidencial”, Xurxo Salgado.

Rafael Cuíña, alcalde de Lalín, cos membros do xurado do XXV Premio Álvaro Cunqueiro, entre os que está o director do Galicia Confidencial, Xurxo Salgado
Rafael Cuíña, alcalde de Lalín, cos membros do xurado do XXV Premio Álvaro Cunqueiro, entre os que está o director do Galicia Confidencial, Xurxo Salgado

"O MELLOR COCIDO DO MUNDO"

Este programa de televisión producido pola TVG e realizado por Setemedia Producciones Audiovisuales forma parte dunha serie sobre algúns dos máis salientables pratos e produtos da gastronomía galega, e que neste caso se dedicou de forma monográfica ao cocido. De maneira amena e didáctica, o programa fai un completo percorrido pola historia desta preparación centenaria, en que circunstancias hai que comelo, a festa que se forma arredor dun prato de cocido, os produtos que forman parte do mesmo e fai especial incidencia en Lalín e na súa Feira do Cocido, declarada Festa de Interese Turístico Nacional.

“Trátase dun entretido espazo que, ao longo dunha hora, viaxa por boa parte da xeografía galega para descubrir os segredos dun dos grandes emblemas da nosa cociña. Partindo do tradicional cocido galego, o programa permite coñecer as interesantes historias dunha chea de personaxes, entre os que se atopan gandeiros, agricultoras, cociñeiros, músicos, nenos e maiores”, recolle un comunicado do Concello de Lalín.

A reportaxe fai un completo repaso polas orixes do cocido, o porco como ingrediente fundamental, o resto de produtos que compoñen o cocido, a súa elaboración e as diferentes formas que hai de preparalo pasando polas historias que fan do cocido algo imprescindible, os amantes do cocido e a festa arredor desta prato e a súa degustación. O primeiro premio ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías está dotado con tres mil euros.

ESTRELAS DA DESPENSA GALEGA

Por outra banda, o segundo premio do XXV Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, dotado con mil euros, recaeu en “Estrelas da despensa galega e 67 receitas con historia e sabor”, publicado pola editorial Galaxia e do que é autora Carina Regueiro Domínguez. O volume parte da premisa de que os produtos e a cociña de Galicia son unha parte moi importante da nosa expresión cultural.

“A paisaxe, as xentes e a comida resultan inseparables e protagonizan este apetitoso libro, que fala de sabores de verdade. Sabores cheos de historias, de de anécdotas e de sorpresas, que conforman cada un dos capítulos do libro e que vai acompañado das grandes receitas de sempre para facelas hoxe”, suliña o comunicado.

"RAÍCES DOCES"

Na categoría de mellor traballo académico, a opción escollida polo xurado foi a reportaxe multimedia    “Raíces Doces”. Trátase dun traballo de Julia Viqueira Valero, Christian Villaverde da Cruz, Carolina Cifuentes Arias, Claudia Rodríguez Costas e Paula Quiroga Rodríguez, estudantes de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. “Raíces Doces” é un proxecto que -na web https://raicesdoces.wixsite.com/raicesdoces, cunha estrutura moi atractiva- fai un percorrido pola influencia da cultura e a gastronomía xudía en Galicia, a través da orixe dos ingredientes cos que se preparan os doces xudeus na Tafona de Herminia, na localidade ourensá de Ribadavia.  O premio ao mellor traballo académico está dotado con 1.000 euros.

PREMIO

Un total de 14 traballos foron presentados ao XXV Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro. Este certame que organiza cada ano o Concello de Lalín como actividade complementaria da Feira do Cocido, ten a finalidade fomentar a difusión da cociña galega e da gastronomía en xeral, e recoñecer o labor realizado por estudantes, xornalistas e escritores que prestaron especial atención ao devandito tema. Nesta edición os galardóns contaron cun total de 5.000 euros destinados a premios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Graña

A TVG semella un restaurante antes ca un medio de comunicación social