As doenzas dos concellos galegos. A autonomía Local

“E o Marcelino non dí nada, está coma aparvado. Hai un silencio. E no silencio coma un arrastre, coma unha fouce que pasa segando” (Fins do mundo, Bernardino Graña).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 20/02/2019

Comparte esta noticia
En canto pase o 28 de abril, as Cortes do Estado deberían retomar o debate territorial, adiado dende hai tempo e endemoñado polos partidos sistémicos, por mor do Procès catalán.
 
Obviamente, nesa inaprazábel discusión non pode ser convidada de pedra a administración local. E o Parlamento galego, se quixera tomar en serio ese recente acordo de reclamar novas transferencias, xa tarda en pór na lista a competencia no ámbito local, para poder reordenar integramente as súas estruturas político-administrativas e repensar o elenco competencial dos municipios galegos.
 
Mais, como todo isto é cousa de tartarugas e estas camiñan devagar, transitoriamente hai que darse présa en que os concellos poidan exercer acaidamente as competencias que actualmente figuran nas leis, para que a veciñanza sexa quen de exercer o dereito a gozar duns servizos básicos de calidade. Para iso cumpriría que recuperasen o mínimo grao de autonomía, que lle foi lapidado pola administración do Estado coa conivencia, no noso caso, da Xunta de Galicia.
 
O artigo 135 da Constitución, que PSOE e PP nos empurraron aquel fatídico 26 de setembro de 2011, valeulle aos gobernos do Estado para minguar aínda máis a cativa capacidade de manobra que tiñan os concellos, ninguneando aqueloutro precepto do mesmo texto constitucional –o artigo 140– que, alomenos teoricamente, recoñecía a autonomía municipal. E, de paso, o tándem PP-PSOE trocou en papel mollado os artigos 2 e 4 da Carta Europea de Autonomía Local, ratificada polo goberno español no ano 1988. A Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, filla bastarda do citado artigo 135, converteu definitivamente aos concellos en entes menores de idade, someténdoos á patria potestade da elite funcionarial do Ministerio de Hacienda (Estado) e da Consejería de Hacienda (Comunidade Autónoma), ao tempo que se ía consagrando un revirado principio neoliberal –o do autofinanciamento dos servizos básicos– creado expresamente para  minguarlle calidade e desposuílos do seu carácter universal, a fin abrirlle a porta carral –coa inestimábel axuda das deputacións– ao negocio da empresa privada.   
 
Ah! O meu tío Lisardo opina que, como o PP e PSOE o levan no sangue e amais téñenlle un medo infernal a C´s e Vox, deberían ser os partidos “periféricos” os encargados de esixirlle ao novo goberno que dote aos concellos, cando menos, dunha autonomía semellante á que tiñan antes do 2011. (Continuará).
 

Casa do Concello de Trazo
Casa do Concello de Trazo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.