Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2019 | Actualizada ás 18:00
O sindicato CCOO denunciou ao Concello de Lugo ante Inspección de Traballo por "non cumprir coa súa obriga en materia de Prevención de riscos laborais", derivadas de carecer do "plan de prevención" ou da "avaliación de riscos", xunto coa realización "de servizos extraordinarios non voluntarios".
A Unión comarcal de Comisións Obreiras de Lugo alertou que as deficiencias en prevención de riscos laborais xera "situacións que atentan gravemente" contra a seguridade e saúde dos bombeiros. En concreto, engaden que o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento de Lugo carece tamén de planificación da actividade preventiva, procedementos de traballo, información sobre os riscos asociados aos seus postos de traballo ou formación teórica-práctica relacionada cos seus equipos ou o seu vehículo.
A isto engaden que carecen de xefatura operativa que "elabore os procedementos de traballo e organice o servizo", o que "repercute negativamente na seguridade". Ademais, aseguran que se lles "impoñen", "vía decreto, a realización de servizos extraordinarios non voluntarios", o que implica "asumir unha maior carga de traballo". O "aumento das horas de traballo, así como a desorganización do servizo", sostén CCOO, xera "tensión laboral" na medida en que "dificulta o desenvolvemento" da súa vida persoal e a conciliación familiar. "É por iso que pomos a situación en coñecemento da Inspección de Traballo para que se tomen as medidas oportunas", conclúe CC.OO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.