Condenan ao Sergas pola "burocracia sanitaria" tras morrer home con diagnósticos errados un atraso diagnóstico

O avogado da familia insta aos usuarios da sanidade pendentes de probas diagnósticas a reclamar a atención das mesmas unha vez pasado un tempo prudencial. A Xerencia Sanitaria de Compostela anuncia unha unidade de paliativos "máis ampla, confortable e avanzada" no hospital de Conxo.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 23/02/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 100.000 euros á familia dun home de 70 anos, D.J.B.C, falecido como consecuencia dunha enfermidade tumoral tras unha demora de case un ano na revisión os resultados das probas que o diagnosticaron.

O pago deberá ascender así a 90.000 euros no caso da viúva e a 5.000 para cada un dos dous fillos deste home, cuxo caso foi atendido polo Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) durante 2013 e 2014.

En concreto, os feitos tiveron lugar cando, despois de ser tratado por unha dor na área renal, diagnosticouse unha lumbalxia ao paciente. No entanto, a pesar dos tratamentos aplicados, a dor non remitira, polo que, en decembro de 2013, os facultativos realizáronlle unha urografía intravenosa para determinar a posible existencia dun tumor.

En novembro de 2014, cando D.J.B.C acudiu de novo ao servizo sanitario, comprobouse que presentaba unha doenza tumoral e, tras realizárselle unha segunda proba para confirmar o resultado, determinouse que se atopaba en estadio IV. Por esta razón, só se lle aplicou un tratamento paliativo ata o seu falecemento, que tivo lugar un mes e medio despois.

Segundo sinalou o perito xudicial oncólogo, o paciente pasara dun posible estadio II ou III a un estadio IV entre o momento no que se realizou a proba diagnóstica e a súa revisión. Debido a que non consta unha causa que acredite o atraso de case un ano á hora de revisala, o xulgado resolveu que esta demora minguou as opcións de tratamento do paciente, así como as súas posibilidades de recuperación e considerou que se acreditou unha mala praxe.

O avogado da familia, Cipriano Castreje, subliñou a importancia de que os pacientes non esperen a que a "burocracia" sanitaria lles permita acceder a unha resolución médica. Por iso, instou aos usuarios da sanidade pendentes de probas diagnósticas a reclamar a atención das mesmas unha vez pasado un tempo prudencial.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

NOVA UNIDADE EN CONXO

Por outra banda, a xerencia de Xestión Integrada Compostelá anunciou que contará nos vindeiros días cunha nova Unidade de Paliativos (UPAL) que será "máis ampla, confortable e avanzada". "Enmárcase dentro da estratexia de atención ao paciente crónico e pluripatolóxico e de humanización na que está inmersa da xerencia sanitaria de Santiago", apunta nun comunicado.

Tras abrir o luns un novo Hospital de Día da Área Médica en Conxo, agora está previsto que proximamente comece a funcionar unha nova Unidade de Paliativos (UPAL) nese hospital. Para iso, o Sergas investirá 100.000 euros e un espazo de 920 m2.  Contará con 17 habitacións individuais e 2 máis que se poderían facer dobres en caso de necesidade, amais de dúas estancias de confort para as familias, nas que nunha delas se instalou unha cociña. En total serán 21 camas.

"Trátase dun paso máis na reorganización de espazos e servizos nos que está inmersa a xerencia de Santiago que contempla que a alta especialización se concentre no Hospital Clínico e os enfermos crónicos estean no Hospital de Conxo", apunta no comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta