Teresa de Calcuta, Teresa de Mugardos

No cuarto cabodano de Teresa Doval Grela, Gabriel Rei-Doval lembra a perda de tódalas perdas. Nunha dimensión máis elevada, Teresa de Mugardos segue sendo todo luz, sempre amor.

Por Gabriel Rei-Doval | Boulder (Colorado, USA) | 28/02/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

En novembro de 2016 visitei a casa da Madre Teresa de Calcuta. Nun país de desigualdades infindas coma a India, Kolkata sempre chama polo servizo ós pobres, necesitados e esquecidos. A tumba da madre Teresa, xa daquela, lembroume a ausencia de tódalas ausencias: Teresa Doval Grela, Teresita, Teresa de Mugardos.

Teresa Doval, na enseada do Baño. (Foto: Manuel Doval Pego)
Teresa Doval, na enseada do Baño. (Foto: Manuel Doval Pego)

Hai hoxe catro anos Teresa Doval viaxou a unha dimensión máis elevada. Foise con dignidade e amor eternos tralos avatares inxustos da bioloxía desatenta. Naquela derradeira madrugada de febreiro en Caranza, a súa respiración forte trouxo ó meu dormevela a imaxe dun contedor de luz que, expandíndose sen límites, o iluminaba todo. Espertei e fiteina; a súa respiración comezou a facerse máis lenta, espazada e suave, ata volverse inaudible. Os seus fermosísimos ollos azuis abríronse de súpeto e quedaron fitando a inmensidade do universo.

Mi madre ensinoume o valor da integridade e o poder da entrega sen límites. Teresa de Mugardos, coma a súa homónima de Calcuta, sempre preferiu amar a querer. Con sete anos e horrorizada polas bombas franquistas sobre a enseada do Baño, tivo claro que o seu compromiso era cos demais, e ese compromiso acompañouna oitenta e seis anos.

No inicio da longa noite de pedra o leite seguía escaseando; Manolo axudaba a familia desde a Bazán e ela, unha cativa aínda, facíalle as papas en leite de madrugada a el mentres cociñaba as dela en auga. A súa entrega plena quizais comezase a manifestarse daquela. Manuel viaxaba entre Boston, Newark e Virxinia, construíndo en condicións difíciles o país onde eu vivo agora, e ata que Manuel puido axudar ela aprendeu o significado de servir mentres ía perdendo os dentes de leite.

Co paso do tempo o seu amor expandiuse. Chegaron Manolito e María Teresa, ós que quixo sempre. E logo, ela mesma trouxo a Manuel Ramón, entre tantas dificultades, apostando con entrega pola inmensidade do amor, e coa súa entrega incondicional Manuel Ramón sobreviviu e aínda hoxe vive en Pozuelo.

Teresa de Mugardos, nos anos 50.
Teresa de Mugardos, nos anos 50.

Cando anos despois chegou Gabriel, o mundo púxose por fin do seu lado e, como merecía, tamén ela recibiu amor sen límites. A vida tivo aínda arribas e abaixos, pero esa empatía infinda xa nunca a abandonaría e o amor incondicional e eterno ficaría sempre con ela, preto e lonxe, ata ascender un día derradeiro de febreiro.

Teresa de Mugardos demostrou decote, como a súa homónima de Calcuta, que a entrega é un valor absoluto e incondicional. Lolo, Rosende, Faustina, Clara, Lola, Carmucha, Mariloli, Lucía, Paula, Inés, e tantas outras estiveron sempre no seu corazón e nas súas accións; por suposto, tamén Teresa, su madre, a quen coidou con esmero sumo. As súas accións probaron, día tras día, o seu compromiso de amor silencioso e constante. 

Así era Teresa Doval. O seu corpo está agora no Cristo, o seu espírito por todo o mundo. Porque o amor traspasa muros e fronteiras, de Calcuta a Mugardos, de Madrid a Wisconsin, desde Boulder ó infinito, e viceversa. Teresa de Mugardos; todo luz, sempre amor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA