Piden prisión permanente revisable para 'O Chicle' pola violación e asasinato de Diana Quer

A acusación particular reclama unha indemnización para os familiares da moza madrileña de 300.000 euros, o establecemento de medidas de afastamento e a prohibición de comunicarse con eles.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

A acusación particular, que exercen os pais de Diana Quer, solicitou que José Enrique Abuín Gey, alias 'O Chicle', sexa condenado a prisión permanente revisable polo secuestro, violación e asasinato da moza madrileña, ocorrido na Pobra do Caramiñal (A Coruña) en agosto de 2016.

Así o solicita no escrito de cualificación provisional remitido ao Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira, segundo confirmaron fontes do proceso, despois de que a pasada semana a xuíza decidise dar por finalizada a instrución e abrir o proceso que levará á apertura do xuízo oral con Abuín Gey como único acusado.

No seu escrito, a acusación particular considera a 'O Chicle' culpable dos delitos de detención ilegal, agresión sexual e asasinato. Dada a concorrencia destes dous últimos cargos, pide para el unha pena de prisión permanente revisable. Así mesmo, reclama unha indemnización para os familiares da moza madrileña de 300.000 euros, o establecemento de medidas de afastamento e a prohibición de comunicarse con eles por un período superior en 10 anos á condena.

No seu relato dos feitos que tiveron lugar durante o mes de agosto de 2016, a acusación considera que 'O Chicle' abordou a Diana Quer na rúa mentres volvía ao seu domicilio desde as festas da Pobra, agrediuna e introduciuna á forza no seu coche coa intención de "atentar contra a súa liberdade sexual".

Posteriormente, conduciuna a unha nave abandonada de Asados, no municipio de Rianxo, que coñecía con anterioridade, onde a agrediu sexualmente e asasinouna. Unha vez morta, 'O Chicle' tirou o corpo da moza a un pozo, onde foi localizado 500 días despois, tras a detención de Abuín Gey por mor doutro intento de agresión sexual na zona.

A AGRESIÓN SEXUAL, CLAVE

Un dos puntos crave na acusación é a agresión sexual que, segundo defende esta parte, sufriu a nova Diana Quer. A autopsia realizada ao corpo non puido confirmar nin descartar este feito pola deterioración das mostras, ante o que a acusación particular solicitou máis probas.

No entanto, e á marxe de probas físicas, nesta acusación tamén inflúe o propio comportamento previo e posterior de Abuín Gey, acusado dunha violación á súa cuñada hai anos e cun proceso aberto por intento de detención ilegal e de agresión sexual no caso ocorrido en Boiro no nadal de 2017. Neste último caso, a propia xuíza instrutora vinculou o seu modus operandi ao crime de Diana Quer e cinguiuno a un intento de agresión sexual.

É o cargo de agresión sexual vinculado ao de asasinato o que ampara a petición de prisión permanente revisable para O Chicle que reclama a familia Quer. O pai de Diana, Juan Carlos Quer, situouse sempre ha favor desta condena e foi, precisamente, o principal alentador desde a localización do cadáver da moza dunha campaña de apoios populares contra a derrogación da prisión permanete revisable, que conta con máis de tres millóns de sinaturas.

O autor confeso da morte de Diana Quer, o Chicle, acode ao xulgado.. EUROPA PRESS - Arquivo
O autor confeso da morte de Diana Quer, o Chicle, acode ao xulgado.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta