Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 16:46
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que o seu Goberno estuda aplicar "canto antes" a prohibición de nenos sen vacinar nas gardarías públicas de cero a tres anos: "Se podemos este curso, será este curso". En calquera caso, advertiu aos pais galegos que, "se non vacinan aos seus fillos, estarán cun alto risco de non poder levalos ás escolas infantís".
Na comparecencia posterior á reunión co seu Executivo, Feijóo reivindicou a "protección" dos máis novos como base desta medida que se podería "establecer no menor tempo posible, cando sexa factible". "En canto podammos, imos prohibir e por tanto a rexeitar a matriculación de nenos e nenas en escolas infantís que non teñan o calendario (de vacinación) obrigatorio completo", aseverou.
Neste contexto, fontes da Consellería de Política Social explicaron a Europa Press que a adopción desta restrición e cando podería aplicarse aínda está en fase de avaliación. Ademais, estas mesmas fontes indicaron que, de adoptarse esta medida para o curso que xa está en marcha, as súas consecuencias aínda están por estudar.
"A prioridade deben ser os nenos e nenas de Galicia, porque son o futuro de Galicia (...). Debemos buscar fórmulas para que eses nenos estean nas mellores condicións posibles e debemos protexer a eses nenos, non só aos vacinados senón aos que non o están, e en consecuencia temos que protexer aos nenos que están vacinados fronte aos que non o están", expresou o presidente do Goberno autonómico, quen alertou do "perigo" da corrente antivacinas, "que lamentablemente en pleno século XXI está a darse mesmo con certa intensidade en Galicia".
Seguidamente, celebrou que "a maioría de pais non fai caso a esas propostas políticas absolutamente desacreditadas desde o punto de vista científico", posto que, tal e como asegurou, "as vacinas funcionan" e as administracións "teñen que promover que se cumpra" o calendario de vacinación gratuíto e obrigatorio.
Por iso, Feijóo avanzou que se establecerá a prohibición "no menor tempo posible" e, preguntado sobre a concreción deste prazo, dixo que "se se pode este curso, será este curso". En canto a aplicar esta medida en niveis educativos superiores, adiantou que Política Social "o está mirando, pero é complexo" porque en idades posteriores "hai vacinas que non son obrigatorias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.