A deputada de En Marea Alexandra Fernández abandona a política

A militante de Anova di que quere retomar os seus estudos de Arquitectura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

A deputada de En Marea e militante de Anova Alexandra Fernández anunciou que abandona a primeira liña política para retomar os seus estudos de Arquitectura. Fíxoo a través dunha mensaxe publicada na tarde deste xoves no seu perfil de Facebook.

Alexandra Fernández, no Congreso dos Deputados. REMITIDA - Arquivo
Alexandra Fernández, no Congreso dos Deputados. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Fernández figuraba nas quinielas para ocupar un posto destacado na candidatura do partido instrumental ás eleccións xerais do próximo 28 de abril, nas que En Marea, previsiblemente, concorrerá por separado de Anova, EU e Podemos.

"Despois dunha profunda reflexión, poño fin, pois, a unha etapa dura e intensa. Tiven moi claro desde o primeiro momento que o meu tempo na política institucional sería limitado. Neste tres anos non fixen máis que reafirmarme na importancia de estar na política por convicción e non por necesidades persoais. Por iso sempre tiven presente a necesidade de retomar a miña carreira. Volvo agora a ela, mantendo o meu compromiso militante desde a base", publicou Fernández.

Alexandra Fernández (Vigo, 1988) puxo fin así ás especulacións que a situaban como aposta da dirección de Luís Villares para encabezar a candidatura de En Marea na provincia de Pontevedra, circunscrición electoral pola que foi deputada desde o ano 2016.

O propio Villares convidouna nas últimas semanas candidatarse nas primarias de En Marea que, precisamente, pechan o seu prazo para inscribirse ás 23,59 horas deste xoves 28 de febreiro.

ENFRONTADA AOS SEUS COMPAÑEIROS

A viguesa, enfrontada á dirección do seu partido, Anova, desde hai máis de dous anos, permanecía distanciada do resto dos seus compañeiros de En Marea no Congreso, aos que chegou a criticar duramente de maneira pública acusándoos de actuar con motivacións persoais e de converter a representación da confluencia galega nas Cortes nun "satélite" de Unidos Podemos.

A votación das emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado foi o último episodio que puxo de manifesto a falta de sintonía entre Alexandra Fernández e o resto de deputados de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino (Podemos), Ángela Rodríguez (Podemos), Yolanda Díaz (Esquerda Unida) e Miguel Anxo Fernán-Vello (Anova).

Así, Fernández foi a única deputada que votou en contra das contas pactadas entre PSOE e Unidos Podemos seguindo así as directrices marcadas pola dirección de En Marea, que emitía un comunicado horas antes da votación no que expresaba o seu rexeitamento ás contas.

Por contra, o resto de parlamentarios de En Marea apoiaban os orzamentos. Esta situación derivou nun cruzamento de declaracións entre os deputados que desatenderon á dirección do partido instrumental —á que consideran que non deben render contas— e Alexandra Fernández, cuxa actitude foi afeada mesmo polo histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras.

CONTINUARÁ "COMO MILITANTE DE BASE"

Agora, cando a confluencia que irrompeu en 2015 e 2016 modificando o mapa político de Galicia se encamiña á ruptura para as eleccións do próximo 28 de abril, a deputada decide dar un paso á beira para centrarse nos seus estudos de Arquitectura.

Con todo, na súa mensaxe repasa a súa traxectoria nas Cortes do últimos tres anos. "Remamos contra vento e marea para colocar os problemas das traballadoras do noso país na axenda estatal", sinala.

Fernández foi a primeira en asumir a portavocía —cargo rotatorio— de En Marea no Congreso, cuxos deputados se integran no Grupo Confederal de Unidos Podemos despois de serlle denegada a posibilidade de configurar grupo propio con base no regulamento da Cámara baixa.

Ademais de repasar o seu traballo na comisión de Fomento, a deputada recoñece na súa publicación que queda a "espiña" de que o final da lexislatura "deixe no aire a elaboración das conclusións" da Comisión de Investigación do accidente de Angrois, na que foi a representante do Grupo Confederal.

"Estamos nuns tempos convulsos que requiren respostas audaces e de mirada longa. Penso que é o momento para pararse, para reflexionar, para máis traballo á beira das compañeiras, para esa militancia en que os rumbos compartidos xeran afectos e proxectos de longo alento. Porque a Galicia combativa do Nunca Máis, do 15M ou do 8M segue palpitando de urxencia. Continuamos!", pecha Alexandra Fernández a súa mensaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

5 Volvo

Grazas Alexandra. Reconcilias a moitos coa dignidade mais a honestidade. Moitas grazas. Ún fai o que tí fixestes e os outros quedan retratados.

4 Centroeuropeo

Lamentable o cainismo dalgúns comentarios. O cerebro témolo para algo máis que para corear as consignas da secta correspondente.

3 Ben feito.

A única dos cinco de Madrí que mirou algo por Galiza. Dignidade e EnMarea son conceptos que non casan ben. Sorte, Alexandra. Aos que lle dicen que non volva, que non se preocupen, que non vai haber nada onde voltar xD.

1 Corocota

É fácil amosar dignidade cando sabes que non tes futuro. Exercicio de limpeza da mala conciencia final? A boas horas. Xa logo chamará ás portas do BNG (ninguén abrirá a porta, Alexandra).

2 Caneda

Todo o contrario. Foi a única dos 5 que non mirou nada por Galicia e só mirou por ela mesma e polos liquis que ten detrás: Lidia e Villares. Por iso votou coa dereita española para que as 300 emendas galegas non se puideran votar ao día seguinte. Pero claro, xa están La Vox e o Sermóns para lle dar a volta e facer que quede de boíña e de patriota.

2 Bye, e non volvas.

Todo un exemplo de deslealdade, mentira, indisciplina vingativa e ambición individualista. Toda unha decepción para os que a apoiaron desde o principio. Agora recibe louvanzas do inimigo e converteuse en musa dos que a insultaron e atacaron desde hai anos. Realmente marcha porque non lle saen as contas para volver ao congreso e teme un fracaso electoral da En Marea de Villares. Xa non engana a ninguén. Só a quen se deixe.

1 Penoso

Claro, moito mellor a procesión dos caladiños en Madrid, que tanto traballaron e traballan.zK

2 Paco Zarzuelas

Penoso, aquí ninguén falou do BNG en Madrid entre 1996 e 2015, non sei qué vén que os cites ti.

1 A come-lo caldo

E fomos quedando SOS anova o vello e máis nós.