Por Galicia Confidencial | Melgaço | 05/03/2019 | Actualizada ás 09:00
A empresa municipal Melsport 'Melgaço, Deporte e Lecer', E.M., a Asociación de Ciclismo do Minho (ACM) e a Federación Galega de Ciclismo (FGC) pretenden crear o Trofeo Miño-Galaico. Un galardón que poderá abranguer algunhas vertentes de ciclismo nomeadamente o ciclocross, modalidade que se encontra bastante enraizada en Galicia.
Tras unha xuntanza entre representantes destas entidades ficou xa a garantía de que o V Trofeio Vila de Melgaço, a 5 de maio, será o primeiro evento de ciclismo que contará coa presenza de escolas de BTT de Galicia. Tamén se abordou a concrección de calendarios dos eventos na zona do Miño e de Galicia, co propósito de non prexudicar o éxito de cada un e de promover a participación de atletas portugueses en eventos realizados no país galego e viceversa.
“O deporte desenvolve a economía local e é este o camiño que queremos potenciar. Melgaço xa é unha referencia para a práctica de deportes de aventura e de deporte e queremos seguir apostando por iso”, dixo José Adriano Lima, Concelleiro do Deporte na Cámara de Melgaço. “Así, en 2019 reforzamos a aposta polas probas de ciclismo de estrada, acollendo as competicións máis importantes no panorama nacional”, engadiu en declaracións aos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.