Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 18:43
As alvarizas de O Courel (Lugo) --recintos de pedra para protexer as colmeas dos ataques do oso-- están accesibles por primeira vez en visor catográfico. Un total de 192 destas construcións, con valor etnológico, foron inventariadas polo proxecto europeo 'LIFE' Oso Courel no espazo Rede Natura Ancares-Courel.
Localizadas nun visor cartográfico, están agora ao acceso de calquera na páxina web da Fundación Oso Pardo. O obxectivo do proxecto é promover a expansión do oso pardo cara ao suroccidente cantábrico e favorecer a súa convivencia coas actividades humanas.
Baixo a coordinación da fundación, a iniciativa desenvólvese desde xullo de 2017 ata decembro de 2020 xunto coa Xunta e a Asociación Galega de Custodia do Territorio como beneficiarios asociados. Está financiado polo programa 'LIFE' da Unión Europea e cofinanciado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e por Naturgy.
O visor cartográfico mostra a localización xeográfica dos alvares inventariados xunto cunha ficha de información básica de cada un deles, recollida durante o traballo de campo. Estas estruturas, en pedra seca, sen morteiros ou argamasas de unión e coñecidas como cortines no suroeste asturiano e noroeste leonés, quedaron en desuso por situarse en zonas de difícil acceso e cambios no manexo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.