Unha homenaxe á liberdade de expresión

Por Antonio Piñeiro, escritor Convídoos a asistir á mostra de Libertas,‭ ‬de Olegario Sampedro,‭ ‬na Fundación Cela,‭ ‬en Iria Flavia,‭ ‬coa súa‭ ‬poética visual‭ ‬e mais a poética dos espazos impregnados do xenio incomparable realzados mutuamente

Por Galicia Confidencial | Padrón | 07/03/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A‭ ‬libertade de expresión é o eixe co que‭ ‬Olegario Sampedro pecha/abre o‭ ‬milde das linguaxes para engadir vieiro á roda vivencial.‭ ‬Os elos da libertade cinguen‭ ‬un artello metafórico que o é pola forza das imaxes e a acumulación das voces,‭ ‬nunha admirable e aberta narratividade,‭ ‬atopada,‭ ‬sobre todo,‭ ‬nese texto ou nese son que se escoita no segundo plano,‭ ‬e que chega indefectiblemente a cada unha das obras.‭ ‬Ás veces atopamos a historia dun personaxe‭ ‬-tras os retratos,‭ ‬por exemplo-.‭ ‬Outras veces é a intensidade dun intre,‭ ‬dunha circunstancia.‭ ‬Outras é a pura sensación.‭ ‬O‭ ‬berro mudo do‭ ‬escolar agochado na parte de atrás dun marco,‭ ‬ao que lle caeron enriba dos beizos as cartolinas da súa mordaza‭ ‬-ai,‭ ‬os‭ ‬depredadores-‭ ‬en forma de etiquetas de marcaxe dos productos de consumo.‭ ‬Quizais,‭ ‬para min,‭ ‬un dos mellores exemplos da mostra.‭ ‬Ou ese das bolboretas obxecto da polémica acaecida nas redes sociais.‭ ‬Imaxes,‭ ‬en definitiva,‭ ‬desprendendo e levando os regueiros da suxestión alén do primeiro estado,‭ ‬que é o que pretendía Olegario Sampedro ao dicir‭ ‬“obra viva‭”‬.

Ilustración no día da liberdade de prensa, información e expresión
Ilustración no día da liberdade de prensa, información e expresión

Unha magnífica,‭ ‬renovada e sempre sorprendente colección de ensaios visuais‭ ‬na que o xogo da antítese coma recurso da tensión‭ ‬(a libertade contra as súas cinchas‭)‬ aparece na meirande parte das montaxes.‭ ‬No corpo‭ (‬cor e nú‭) ‬contra o muro‭ (‬gris,‭ ‬creba e mofo‭)‬,‭ ‬nesa fermosísima escolla da composición que vai‭ ‬-xa o dixemos-‭ ‬alén do suxestivo.‭ ‬Ou máis nítidamente,‭ ‬no espazo ciscado de camelias brancas,‭ ‬excitando esa idea intrínseca do pétalo,‭ ‬metade falmaguentos,‭ ‬metade aínda exigua pureza,‭ ‬e separados polo gabillo.‭ ‬Ou na visualización dos recullos anatómicos,‭ ‬coma coutos,‭ ‬mais‭ ‬tamén‭ ‬coma lugares da libertade:‭ ‬o ventre,‭ ‬a gola ou a radical luzada coa que a face xurde da radical sombraxe.‭ ‬Ou a proposta dos rostros embotellados‭; ‬é dicir:‭ ‬a cerna da expresión metida‭ ‬nun botello,‭ ‬gaiola de cristal,‭ ‬xiro retórico da‭ ‬gaiola‭ ‬de ouro,‭ ‬pero co envase,‭ ‬cuxas connotacións non fai falta explicar.‭ ‬Ou os corpos semifetais,‭ ‬semiespidos,‭ ‬xurdindo entre as páxinas dos libros queimados.‭ ‬Esa idea da tona textil‭ ‬resistíndose‭ ‬a mudar pola tona de cinza e ignominia,‭ ‬salvando cadanseu pouco de pel libre e nun xogo,‭ ‬outra volta,‭ ‬co contraste entre a pureza e a inmundicia.

Convídoos á excelente proposta de Olegario Sampedro,‭ ‬magnífica coma visión de conxunto,‭ ‬coma azo evolutivo,‭ ‬onde as formas do tempo‭ ‬-concepto que mesmo nos está a dar o título de algo-‭ ‬acadan o toque impreciso entre o visible e o sensible‭ ‬mais,‭ ‬sobre todo,‭ ‬coma o canto á actitude que leva en si a‭ ‬propia palabra:‭ ‬libertas.

 

 

*******************************************

ANTONIO PIÑEIRO (Santa Uxía de Ribeira, 1962), ven sendo un dos autores con crecente presenza no panorama literario galego dende que en 2011 recibira o Premio de novela García Barros e publicara As fiandeiras (Galaxia, 2012). Coa saída d`A identidade fascinada (Galaxia, 2015) consolidou un estilo narrativo ben característico e deu un paso significativo na liña creativa que adoito explora: a hibridación de xéneros. Algúns dos seus textos máis celebrados son O pau na roda (incluído n`A garza insomne, Galaxia, 2016), polo que obtivo o Premio Manuel Murguía de narrativa; O noiro, Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey; Boxcar Blúes, ao que se lle concedeu o accesit do Premio Modesto R. Figueiredo; Sinfonía con quinto esquerda, que foi Premio de narrativa Concello de Ames no 2017; A dama fulxente, que obtivo o Premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos; Fábula do chanco, máis recentemente merecedora do Premio de relatos Liceo de Noia; ou esta A través do fume, coa que obtivo o Premio Torrente Ballester de novela en 2017; sen esquecer a faceta da intervención persoal e artesanal no libro, que ven practicando dende que en 2004 iniciara a experiencia Bourel. A súa actividade está moi vinculada ao Movemento Barbantia, unha das cernas da proposta cultural Galega actual.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta