Como mudaron os tempos para as mulleres: as loitas de antes e as de agora

Xa non concibimos que unha muller deba vestir sempre con saia, pero temos normalizado que sexa o home quen conduza decote. Botar os ollos atrás axuda a ver que queda por diante: as nais que loitaron por mellores oportunidades para as súas fillas "exerceron un feminismo como o que hoxe trascende no movemento do 8M", di o impulsor dunha mostra fotográfica que reúne a visión de varias xeracións

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Adoita dicirse da loita das mulleres que é moito o que ten logrado, pero que moito máis queda por conseguir aínda. Non é un dito sen fundamento. Nunha sociedade construída e pensada para os homes, as nenas medramos escoitando historias protagonizadas por algunha avoa, algunha bisavoa, algunha veciña ou coñecida, que se atreveu a vestir pantalóns; outra que sacou o carné de conducir; outra que… Malia a inocencia da nenez, choca moitísimo imaxinar un mundo no que as mulleres tiveran que levar sempre saia, pero non resulta aínda tan allea a normalización de que sexa sempre o home quen guíe o coche nunha parella de dous.

Manifestación feminista en Vigo. ASEMBLEA GALEGAS 8M - Arquivo
Manifestación feminista en Vigo. ASEMBLEA GALEGAS 8M - Arquivo

 

— Éranche outros tempos, neniña.

 

Escoitámolo un cento de veces, coma quen nunha frase resume todo o camiño andado. Xustamente para ir apartando as pedras que quedan e para que hoxe os tempos non vaian a destempo —paradoxo que non resulta tan imposible á vista dalgunhas medidas que se están propoñendo—, as mulleres unen as súas voces e claman unha igualdade real: dignidade e respecto; o fin da fenda salarial, do acoso sexual, da feminización da pobreza; sen teitos de cristal nin chans pegañentos -como rezaba o manifesto lido por Galegas 8M na concentración do 3 de marzo en Lugo-.

Imaxe ilustrativa | Médranlle pólas ás nosas ráices
Imaxe ilustrativa | Médranlle pólas ás nosas ráices | Fonte: Silvia López

 

Na lectura dese escrito recollíase, precisamente, a historia dunha revolta de antano: mulleres que se ergueron hai 101 anos polo pan, pola terra e pola vida digna en Galicia.  "Hoxe recollemos o seu legado, a súa loita contra os tiranos que é tamén a nosa, e reivindicamos a nosa revolta coma filla daquela, co empeño de manter acesa a revolución que as mulleres construímos contra o patriarcado, o capitalismo, o racismo e todas as formas de explotación", proseguía o manifesto.

 

 

NAIS E FILLAS: COMO CAMBIOU A SITUACIÓN?

 

E é que ter presente o pasado máis paradoxos— axuda a entender o porqué do punto no que nos atopamos. Algo así debeu pensar tamén Xosé Abad, o artista que creou a exposición fotográfica 'Nais e fillas. Dúas xeracións, un obxectivo'.

 

“Daquela falabas e o que ti dicías non valía para nada: non sabías o que dicías, eras unha tola. Quen valían eran os homes. Vale máis unha mentira dun home…”. Así o lembra Pilar Díaz, unha traballadora dunha conserveira, xa xubilada. Ela é unha das caras que aparece na mostra fotográfica, un proxecto que naceu ao abeiro de Afundación (a obra social de Abanca) e que pode verse no Café Moderno de Pontevedra ata o vindeiro 1 de xuño. Trátase dunha serie de imaxes, protagonizadas por mulleres de distintas xeracións, que procura amosar os “cambios alentadores que se deron na nosa sociedade” nas últimas décadas.

 

Para Xosé Abad, as nais que habitan esta exposición “promoveron que as súas fillas se formasen, que fosen elas mesmas e que alcanzasen dereitos que elas non tiveron”. A modo de tríptico, nunha primeira parte representa a donas que responden a unha imaxe tradicionalmente ligada ao sector primario, “con escasa formación académica, pero con moito traballo e oficio”, explican dende Afundación. 

 

Esas mesmas nais son, para el, as principais impulsoras de novas oportunidades as que elas non tiveranpara as súas descendentes. E así o expón na segunda foto de cada conxunto, para logo completalo cunha imaxe que reúna ambas figuras. “Para min exerceron un feminismo como o que hoxe está trascendendo no movemento do 8M”, reivindica.

 

“Miña nai sufriu o seu porque ela comezou dende cero, sacrificou todo o seu tempo libre para manternos a nós e para estar aí, educarnos e darnos o que ela boamente nos podía dar”, relata, á súa vez, Catu Vilariño Díaz, bombeira de 32 anos. Porén, cómpre observar con ollos críticos a idealización dese esforzo desmedido porque, dalgún xeito, é unha mostra máis da desigualdade nos coidados das crianzas.

 

Con todo, é significativo que se manteña a perspectiva temporal e a lembranza das que nos precederon para así ter unha visión ampla do que iso supón. Botar os ollos atrás para furgar na historia e seguir vogando. E que lle medren pólas ás nosas raíces.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

A probeza non está feminizada E. as mulleres non cobran menos por facer o mesmo traballo que os homes: as conserveiras, as bibliotecarias ou as conductoras de bus non cobran menos por seren mulleres.