Oito de cada dez comunicadoras galegas secundaron a folga do 8M

En Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo superouse o 90%.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/03/2019 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Oito de cada dez traballadoras dos medios e os gabinetes de comunicación de toda Galicia secundaron a folga de mulleres do 8 de marzo, segundo os datos obtidos por Xornalistas Galegas, un colectivo de máis de 200 mulleres profesionais das Ciencias da Comunicación que desenvolven a súa actividade en Galicia en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista.

Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M, Día Internacional da Muller
Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M, Día Internacional da Muller | Fonte: xornalistasgalegas.org.

Xornalistas, fotógrafas, infografistas ou deseñadoras dos medios e gabinetes de comunicación das catro provincias galegas uníronse de xeito masivo á folga feminista convocada a nivel mundial, superando o 50% de secundamento en todas as grandes cidades de Galicia, como Santiago de Compostela (93%), Pontevedra (93%), Vigo (92%), A Coruña (60%), Lugo (60%), Ferrol (60%) ou Ourense (52%).

No caso dos medios de comunicación e gabinetes autonómicos (traballadoras das delegacións galegas de xornais ou televisións estatais, así como comunicadoras de oenegués, fundacións, institucións públicas e privadas ou colexios profesionais), a porcentaxe de mulleres que secundaron a folga do 8 de marzo ascendeu ao 78%.

Os datos de seguimento da folga de mulleres do 8 de marzo exclúen as comunicadoras que non tiñan quenda de traballo ese día, así como as traballadoras de baixa laboral, en excedencia ou en desenvolvemento de prácticas profesionais. A asociación Xornalistas Galegas tampouco tivo en conta os paros parciais nin as medias xornadas realizados polas comunicadoras galegas o 8 de marzo.

Dende Xornalistas Galegas celebran o wcontundente apoio" á folga de mulleres do 8 de marzo por parte das comunicadoras galegas, un feito que "evidencia a necesidade urxente duns medios de comunicación igualitarios con perspectiva de xénero, sen teitos de cristal nin diferenzas nas condicións laborais e salariais por cuestións de xénero", din.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta