Noriega nega "castigos" aos edís Jorge Duarte e Xan Duro, que caen postos na lista para as municipais

Remarca que é unha "proposta inicial" aberta a cambios por votación e afirma que ten confianza "total" no seu equipo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2019 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, negou "castigos" a concelleiros como Jorge Duarte e Xan Duro, que caen postos respecto da lista de hai catro anos

A preguntas da prensa este martes, defendeu que na súa lista no proceso de primarias de Compostela Aberta (CA) refórzase o perfil de xénero, co ascenso da concelleira de Igualdade, Marta Lois, e prémiase o labor no rural do edil deste campo, Rafael Peña.

En cambio, negou en varias ocasións "castigos" a Jorge Duarte e Xan Duro, que caen ata a oitava e novena praza respectivamente (eran o tres e o cinco). Ademais, declarou que a súa confianza no equipo "é total" e que a lista dá cabida a "todas as sensibilidades", con persoas pertencentes a Podemos, Esquerda Unida, Anova e independentes.

Precisamente, sobre o posto do candidato de Podemos, Álex Castro Botello (que ocupa o sexto lugar por encima de catro edís do actual goberno local), negou que fose unha cesión a esa formación e lembrou o seu paso pola coordinadora de CA. Neste sentido, Noriega recalcou que o de Compostela Aberta é un "espazo unitario e cohesionado", afastado dos problemas das candidaturas de unidade popular a nivel estatal e autonómico.

"PROPOSTA INICIAL"

O rexedor deixou claro que a súa lista é unha "proposta inicial" e animou os cidadáns a votar nun proceso aberto "único e novo" do que sairá a lista definitiva. "O equipo e a orde que salga finalmente será o meu equipo, porque estará enriquecido coa participación dos veciños", asegurou.

O pasado luns CA deu a coñecer a lista de Martiño Noriega, que destaca pola "continuidade" dos edís que acompañaron ao alcalde desde 2015, coa única excepción de Manolo Dios. Así as cousas, repetirán María Rozas Pérez, Marta Lois González, Rafael Peña Vidal, Concha Fernández Fernández, Branca Novoneyra, Jorge Duarte Vázquez, Xan Duro Fernández e Noa Morales Sánchez. Completan a lista de 15 Álex Castro Botello, Miguel Penas Rodríguez, Natalia Paleo Mosquera, Iago Lestegás Tizón, María Jesús Igrexas Prado, Iolanda Rei Rodríguez.

Noriega argumentou que "o traballo feito este catro anos merece ter continuidade para pechar un ciclo" e apuntou que serán "as últimas eleccións locais" ás que se presenta. O candidato da lista explicou que os que continúan son un "equipo con máis experiencia que hai catro anos, que se "enriquece" con novos perfís vinculados ao comercio local, docencia, sanidade ou mobilidade.

No entanto, Martiño Noriega repetiu con insistencia que se trata dunha "proposta inicial" pero que será sometida a unha consulta entre a cidadanía que queira participar e que as posicións poidan variar. Sexan cales sexan os resultados, Noriega prometeu acatalos: "O equipo e a orde que saia finalmente será o meu equipo, porque estará enriquecido coa participación dos veciños", afirmou.

O alcalde mostrou o seu agradecemento por ser a única persoa candidata con lista -Iago Raposo Mera presentou unha candidatura individual-, e asegurou que "nunca" se sentiu "tan arroupado por un espazo como o de CA". "Iso para min é unha responsabilidade", proseguiu. Noriega puxo en valor que son a "única" formación cun proceso de primarias abertas á cidadanía para configurar a lista definitiva, e convidou á xente a participar do proceso, achegando a súa valoración ao traballo dos concelleiros e opinando sobre as novas incorporacións.

"MELLOR QUE HAI CATRO ANOS A PESAR DO DISCURSO APOCALÍPTICO"

Noriega recorreu ao mesmo escenario no que, catro anos atrás, presentou a súa candidatura aos medios de comunicación. Baixo os soportais da rúa do Vilar, á altura do número 15, onde estivo situada a imprenta da editorial Nós, un "lugar emblemático" da cidade, Noriega deu conta do proceso de primarias e da súa proposta inicial do primeiro tramo da lista co que Compostela Aberta concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio.

O candidato a manter a Alcaldía de Santiago destacou que "non hai ningún parámetro oficial nin dato que non sexa mellor que fhai catro anos, a pesar do discurso apocalíptico de moitos". Noriega explicou que se presentan a un novo proceso electoral porque entenden que "hai unha oportunidade e hai que aproveitala". Neste sentido, engadiu que "hai que aproveitar este bo momento da cidade no que o Concello ten parte da responsabilidade, xunto con outros motores fundamentais, e completar un traballo impulsado e comezado hai catro anos".

Así, Martiño Noriega avogou por "socializar este momento": "Queremos unha cidade que socialice os beneficios do modelo turístico, que socialice a xestión de servizos públicos controlando ás grandes contratas, apostar polo social e cultural, sustentable, que dote de equipamentos á cidade. Queremos completar o ciclo que consolide unha Compostela social, cultural, transparente, que faga de Santiago un lugar de encontro, diversidade e pluralidade fronte a aqueles que nos queren levar ao branco e negro", declarou.

O PROCESO

Para poder votar neste proceso, os cidadáns maiores de 16 anos que residan, estuden ou traballen en Santiago de Compostela, teñen de prazo ata este venres para apuntarse nun censo que conta con máis de 300 inscritos, segundo o alcalde. A votación terá lugar o próximo fin de semana -os días 22, 23 e 24 de marzo-, mentres que os reservas serán elixidos por acordo, "tendo en conta perfiles complementarios". O 28 de marzo proclamaranse os resultados.

Martiño Noriega, alcalde de Santiago
Martiño Noriega, alcalde de Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta