Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 16:43
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou este domingo que a nova Lei de Pesca, na que está a traballar o Goberno galego, promoverá e propiciará "medidas e ferramentas" para garantir a substitución xeracional.
Vázquez lembrou que o seu departamento está a traballar, xunto cos colectivos de pescadores, no documento da nova lei, co fin de actualizar unha normativa datada en 1992, "que conta cunha vixencia de máis de dúas décadas e na que hai aspectos que é necesario adaptar aos novos tempos".
Neste sentido, tal como recolleu a Xunta nun comunicado, a titular de Medio Ambiente lembrou que xa se pechou o trámite de consulta pública previa, e no momento no que se dispoña do anteproxecto de lei iniciarase o trámite de participación pública. Durante ese período, poderanse presentar as alegacións oportunas, "con fin de enriquecer o texto e conseguir unha norma o máis consensuada posible".
Nunha visita ao Coto de Pesa de Baio (A Coruña) con motivo do inicio da tempada de pesca fluvial en Galicia, Vázquez subliñou o labor do Executivo autonómico, xunto coa Federación Galega de Pesca e Casting, para facer que medre o número de licenzas de pesca deportiva, coa finalidade de asegurar a substitución xeracional.
CONVENIOS
Así, asegurou que o 90% das entidades, un total de 66 e que asocian a máis de 9.000 pescadores, xa teñen asinados un novo convenio de colaboración para traballar en favor deste obxectivo; así como polo coidado dos recursos e das especies piscícolas, é dicir, dunha pesca sustentable.
Ademais, Medio Ambiente lembrou a novidade desta nova tempada de pesca, que se estenderá ata o 31 de xullo, que inclúe tres novos cotos sen morte: dous na provincia de Lugo e outro en Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.