Un ex cura enfróntase a 4 anos e medio de cárcere pola subtracción de pezas de culto

Entregaba algunhas destas pezas a outro procesado, J.J.O.S.A., un anticuario que "era coñecedor de que ditos efectos procedían das parroquias".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

O expárroco dos municipios lucenses de Ribadeo e Trabada, J.E.S.A., senta a partir deste mércores no banco dos acusados para responder por un delito de apropiación indebida pola suposta subtracción de numerosas pezas de culto das igrexas que administraba.

Os feitos remóntanse aos anos 2008 a 2012, nos que J.E.S.A. exerceu como párroco en varias igrexas dos termos municipais de Ribadeo e de Trabada e nas que, "con ánimo de ilícito enriquecemento", apoderouse " e incorporou ao seu propio patrimonio" decenas de obxectos relixiosos e de culto, imaxes relixiosas e mobles e pezas pertencentes ás súas parroquias, explica a Fiscalía no seu escrito de acusación.

Ademais, o Ministerio Público acúsao de entregar algunhas destas pezas ao outro procesado, J.J.O.S.A., un anticuario que "era coñecedor de que ditos efectos procedían das parroquias" que administraba o cura.

"Moitos dos efectos dos cales se apoderou o acusado están inventariados", destaca o escrito, que, no entanto, indica que, como bens de institucións eclesiásticas, "están sometidos a un réxime de especial protección".

O Bispado de Mondoñedo-Ferrol recuperou algúns dos efectos subtraídos, mentres que outros, como unha imaxe de pedra da Virxe dos Milagres, varios misales antigos, un manto bordado en ouro da Virxe das Dores ou cálices de prata, non foron aínda localizados. Unha tasación parcial dalgúns dos efectos subtraídos valóraos en 25.000 euros.

Por todo iso, a fiscal considera ao expárroco autor dun delito continuado de apropiación indebida, polo que lle pide catro anos e seis meses de cárcere, así como o pago dunha multa. Do mesmo xeito, reclama un ano e medio de prisión para o outro acusado, por un delito de receptación.

Imaxes roubadas nunha igrexa
Imaxes roubadas nunha igrexa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta